O recoñecido trompista vigués David Fernández formará a xoves músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. Ademais de alumnos da Escola, tamén poden asistir a estas sesións músicos externos ao centro.

A vindeira semana contarase coa presenza do recoñecido trompista vigués David Fernández. Serán os días 6 (en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas) e 7 de febreiro (de 10:00 a 14:00 horas). Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Actuou en Berlín, Múnic, Tokio, París, Nova York, Londres, Ámsterdam… 

David Fernández naceu en Vigo en 1979. Foi alumno da Escola de Altos Estudos Musicais. Formouse en Alemaña, na Escola Superior de Karlsruhe, onde se graduou con matrícula en trompa e solista. Formou parte da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), Orquestra Xove da Unión Europea e da Xove Orquestra Gustav Mahler. 

Como profesional de orquestra ten tocado coa Sinfónica de Galicia e a Sinfónica da Radio Bávara. Na actualidade é trompista principal na Orquestra Filharmónica de Rótterdam, cidade na que ten a súa residencia. Tamén foi trompa solista da Orquestra de la Comunitat Valenciana. Ten colaborado coa Orquestra Statal Saxoa de Dresde, Sinfónica da Radio de Stuttgart, Orquestra de Cámara Mahler, Sinfónica da BBC de Londres ou a Orquestra da Radio de Oslo, entre outras.

Tocou baixo a batuta de mestres do talle de Lorin Maazel, Zubin Mehta, Carlo Maria Giulini, Kurt Masur, Riccardo Muti ou Víctor Pablo Pérez, entre outros moitos. Actuou nos máis prestixiosos auditorios e salas de concerto de Berlín, Múnic, Tokio, París, Nova York, Londres, Ámsterdam… Ten recibido numerosos galardóns, entre eles o Premio da Crítica de Galicia en 2003.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar