A Deputación de Ourense aproba o premio de xornalismo «Xosé Aurelio Carracedo»

Aprobadas as bases do XXX premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases e a convocatoria da XXX edición do premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, correspondente ao ano 2020, que ten como obxectivo premiar o mellor traballo xornalístico como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán.

A este galardón poderán optar tódolos profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera das súas modalidades. As propostas para optar ao premio poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.

Os traballos ou conxuntos de traballos –escritos, gráficos, audiovisuais ou dixitais-, que participen no concurso terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou noutros medios de comunicación pero deberán referirse a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2019 e o día 31 de decembro do mesmo ano. As bases deste galardón contemplan a concesión dun único premio dotado con 3.000 euros.

O xurado do premio estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais, formarán parte do xurado: un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, un da Federación de Asociacións de Periodistas, outro da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. O secretario do xurado, con voz pero sen voto, será o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense.

Os interesados en participar teñen de prazo para presentar as súas propostas ata o día 18 de marzo de 2020 e o acto de entrega do premio será o 4 de maio. As propostas deberán ir acompañadas de seis fotocopias da páxina ou páxinas en que foron difundidas, se son publicacións impresas. No caso de traballos dixitais, seis copias de capturas de pantalla ou seis copias do texto, nos dous casos con certificado do responsable do medio facendo constar a data de publicación, así como a dirección da páxina web na que figura o traballo. Se se trata de traballos audiovisuais, presentaranse seis copias en CD, DVD ou lapis dixital, segundo os casos. Se os traballos se publicaron sen se asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de emisión e nome ou nomes dos autores. Independentemente da persoa ou persoas que presentan a proposta, esta deberá vir acompañada igualmente dun breve currículo vitae do autor ou autores que opten ao premio. Os traballos remitiránselle á Deputación de Ourense, baixo o epígrafe de XXX Premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo«.

Deporte

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases e a convocatoria do concurso para a concesión de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2020, coa finalidade de financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación na competición deportiva durante a tempada 2019-2020. A dispoñibilidade orzamentaria para estas axudas é de 400.000 euros, sendo a contía máxima da axuda por cada beneficiario de 24.000 euros.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os clubs deportivos que reúnan os seguintes requisitos: estar inscritos nos rexistros deportivos correspondentes da Xunta de Galicia, ter o seu domicilio social na provincia de Ourense, participar na tempada 2019/2020 en competicións oficiais convocadas polas súas respectivas federacións, posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría senior ou absoluta. Para os clubs que compitan en disciplinas deportivas individuais terán que posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición. As entidades deportivas, para ser consideradas como tales, deberán posuír e acreditar base en cada unha das disciplinas deportivas. Así mesmo, non poderán ser beneficiarios os clubs que só participen en ligas ou competicións locais ou comarcais, ou exclusivamente no deporte escolar ou ligas de empresas.

O prazo para presentar as solicitudes para estas axudas iniciarase a partir da publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 27 de febreiro de 2020.

EmprendOU

Na reunión tamén se aprobaron 10 novas iniciativas empresariais presentadas ao Proxecto EmprendOU, posto en marcha pola institución provincial para afrontar o reto demográfico, a través de axudas a persoas físicas que leven a cabo proxectos empresarios e/ ou de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico da provincia de Ourense. En concreto, a Deputación de Ourense destinou unha axuda de 8.100 euros (675 euros ao mes durante 12 meses) a cada unha das iniciativas aprobadas na xuntanza.

Cooperación

En materia de cooperación con entidades e concellos, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas directas por razón de emerxencia social, de 3.000 euros cada unha, para a reconstrución dunha vivenda incendiada emprazada na rúa Calvo Sotelo en Melón e para a reconstrución dunha granxa derrubada polas treboadas emprazada no lugar de Penaverde en Cualedro.

Para a Estación de Inverno Manzaneda, SA (MEISA), a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 71.000 euros para o EsquiOU 2020, o Campamento de iniciación de esquí para nenos da provincia de Ourense. Para a Asociación Cultural Camerata Auriense aprobou unha axuda de 3.499 euros para traxes coralista, e para a Asociación do Polígono Industrial de San Ciprián das Viñas aprobou unha axuda de 10.000 euros para colaborar co programa de actos polos seus 40 anos.

No apartado de cooperación cos concellos da provincia, na reunión aprobouse unha axuda de 50.000 euros para o Concello de Montederramo para as obras no Mosteiro de Santa María. Para a Entidade Local Menor de Berán aprobouse unha axuda de 15.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2019, e para o Concello de Beade tamén se aprobou unha axuda de 30.000 euros para as obras de mellora de infraestruturas e equipamentos na rúa Alférez Montero e Praza de España.

Por último, o Concello de Piñor recibirá dúas axudas: unha de 50.000 euros para traballos medioambientais correspondentes ao ano 2019 e outra de 12.000 euros para o “Rallye mix 2019”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar