Últimos días da exposición sobre Oswaldo Guayasamín na Sede Afundación de Lugo

Últimos días para gozar da exposición «Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios» organizada por Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración coa Fundación Museo das Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira na Sede Afundación de Lugo. Estará aberta ao público ata o vindeiro 11 de xaneiro, de luns a sábado en horario de 18.00 a 21.00 h.

Ademais, o sábado 28 de decembro terá lugar a última das actividades complementarias, un obradoiro de gravado a cargo da profesional Tita Fraga. Celebrarase en horario de 11.30 a 13.30 h. Trátase dunha actividade para todos os públicos e sen inscrición previa. A entrada e saída dos obradoiros será libre, permanecendo na actividade o tempo que cada asistente considere preciso dentro do horario previsto.  

«OSWALDO GUAYASAMÍN 1919 – 1999. DÚAS SERIES. DOUS ANIVERSARIOS»

Oswaldo Guayasamín é un dos artistas latinoamericanos máis destacados do século XX. Como artista conseguiu fusionar a forza da cultura das súas orixes coa estética das vangardas de comezo do século XX, especialmente do cubismo e do expresionismo, e cun forte compromiso social, froito da influencia recibida dos tres grandes muralistas mexicanos: Rivera, Orozco e Siqueiros.

A exposición, organizada no marco da celebración este 2019 do Ano Internacional das Linguas Indíxenas, expúxose desde unha perspectiva histórica, co obxectivo de achegarse á cultura dos pobos indíxenas americanos. Ademais, é o modo de Afundación de celebrar o centenario do nacemento do artista Oswaldo Guayasamín en Quito no ano 1919 e, á súa vez, conmemora o vixésimo aniversario do seu falecemento en 1999 en Baltimore.

O proxecto recolle dúas series de gravados do artista ecuatoriano, «De Orbe Novo Decades» e «Emociones», ambos os dous pertencentes á Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira. A primeira, realizada por Guayasamín na década dos oitenta, foi concibida para ilustrar unha edición facsimilar do libro homónimo de Pedro Mártir de Anglería, publicado orixinalmente no 1516. Estas litografías e augafortes, baseados no momento histórico no que se atopan dous mundos a raíz da conquista de América, acompáñanse na sala de extractos de crónicas da época de autores como Garcilaso de la Vega, Pedro Cieza de León, Juan de Castellanos, Pérez de Oliva e o propio Pedro Mártir de Anglería, quen inspira as obras, así como de cantares mexicanos ou das crónicas maias de Chac-Xulub-Chen.

Doutra banda, a serie «Emociones», denominada así pola propia Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, a través de 20 litografías realizadas en España polo pintor quiteño, achega ao espectador o mundo dos sentimentos, outra das súas principais preocupacións pictóricas onde, en palabras do propio Guayasamín, «puxen alí toda a miña alma e reflectín os temas máis eternos». Acompañan esta serie palabras vinculadas a emocións en linguas indíxenas como yolotl («corazón» en náhuatl), warmi («muller» en quechua) ou ljueze («amigo» en zapoteca), como unha maneira de evidenciar as pontes entre culturas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar