Os Bolechas presentan a nova proposta das festas en familia

A piques de comezar as vacacións de Nadal, os Bolechas presentan a nova proposta para gozar das festas en familia e en galego, “porque os Bolechas falan sempre a nosa lingua e grazas a eles tamén as nenas e nenos galegos aprenden e usan o galego no seu tempo de ocio”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística, na presentación da nova xira. Valentín García Gómez deulles a benvida ao “pazo da lingua” a medio centenar de nenas e nenos do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei que puideron coñecer en primicia  os personaxes da nova proposta dos Bolechas que leva por título ‘Nadal sen neve’.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística estiveron na presentación da xira Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, e Antonio Cortés, director de Mercadotecnia de Gadis, as dúas entidades que un ano máis colaboraron para facer posible este proxecto. Arias felicitou os Bolechas polo seu 20 aniversario e tamén por levar a escena este ano un tema de tanta importancia como é a necesidade de reducir a contaminación e loitar contra o cambio climático. “Nacións Unidas vén de marcar 17  obxectivos de desenvolvemento sostible e a TVG fixo deses obxectivos a súa bandeira, polo que estamos moi orgullosos de poder colaborar nesta iniciativa que incide nunha desas metas: a loita contra o cambio climático”, dixo Xaime Arias. Tamén Antonio Cortés mostrou a súa satisfacción porque Gadis colabore un ano máis cos Bolechas e recordou que a compañía que representa “está a levar a cabo máis de 300 actividades de apoio á lingua galega”.

Pola súa banda Tomás Valín, da Editorial Bolanda, agradeceu a todas as entidades que “un ano máis fan posible levar a ilusión a decenas de familias galegas que esperan con expectación a xira de nadal dos Bolechas”. A xira comezará en Curtis o 21 de decembro e rematará o día 30 en Redondela. En total oito localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) poderán gozar desta nova proposta dos Bolechas.

Nadal sen neve

É Nadal e os Bolechas están na casa, porque vai moitísimo frío. Entón escoitan na televisión que un informe da axencia europea do medio ambiente sitúa o noroeste peninsular como unha das zonas que máis se verán afectadas polo quecemento do planeta. Os Bolechas fican arrepiados e van chamar o seu amigo o científico Estroncio Potasio que co seu aparello cuántico acelerado vai provocar algo terrible. De súpeto aparece un Lixontropo, unha das consecuencias do cambio climático. A Lixontropo encántalle a calor polo nadal e tamén comer fume de coche, cueiros, porcalladas e… Lixo, lixo, lixoooo! Poderán facer algo os Bolechas?

Programación

  • 21 DE DECEMBRO: CURTIS 

Salón Multiusos do Recinto Feiral de Curtis  Horario: 17 h

  • 22 DE DECEMBRO: PADRÓN

Auditorio Municipal Horario: 18 h

  • 23 DE DECEMBRO : CAMBADOS

Salón de Congresos e Exposicións José Peña  Horario: 17.30 h

  • 26 DE DECEMBRO : CUNTIS

Centro Socio Cultural e Xuvenil José Raído “Patelas”  Horario: 18 h

  • 27 DE DECEMBRO : VIANA DO BOLO

Casa da Cultura de Viana do Bolo  Horario: 19 h

  • 28 DE DECEMBRO: POBRA DO BROLLÓN

Casa da Cultura Olga Novo  Horario: 18 h

  • 29 DE DECEMBRO : OUTES

Auditorio da Casa da Cultura  Horario: 19 h

  • 30 DE DECEMBRO : REDONDELA

Multiusos da Xunqueira  Horario: 18.30 h

20 anos cos Bolechas

Os Bolechas celebran o seu 20 aniversario. O primeiro libro da popular familia creada por Pepe Carreiro viu a luz no ano 2000. Desde entón, con máis de 650 títulos publicados e máis de 1.750.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de fans que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.

Asemade, Os Bolechas falan sempre en galego, de forma que contribúen á divulgación e á formación da poboación infantil na lingua propia, e sempre mediante o pracer e o divertimento. Isto converteunos nun referente e na serie de maior éxito da historia editorial de Galicia. 20 anos compartindo aventuras, soños e ilusións!

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar