Manuel Baltar destaca “a fortaleza do termalismo como elemento que une pobos e culturas”

O presidente da Deputación de Ourense e da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), Manuel Baltar, destacou na conmemoración do décimo aniversario da creación desta rede termal de entidades públicas, a máis importante do mundo, “a fortaleza do termalismo como elemento que une pobos e culturas”.

Diante das Burgas -o emblema histórico e termal da provincia de Ourense-, nunha declaración destinada aos 51 territorios termais de 17 nacións que integran a EHTTA, Baltar salientou a orixe fundacional desta asociación, integrada no se comezo polos territorios termais de Acqui Thermi, Bath, Salsomaggiore, Terme, Spa, Vichi e a cidade de Ourense, “e despois de dez anos nos que esta entidade tiña e ten como obxectivo a promoción do termalismo e dos territorios termais, e fortaleza da mesma segue a ser o labor conxunto e o traballo en rede, como a gran fortaleza para desenvolver proxectos que xeren competitividade para os nosos territorios”.

Manuel Baltar, quen salientou o traballo realizado ata o de agora polos anteriores presidentes da EHTTA, dixo que nesta nova etapa, na que a asociación conta como vicepresidentes con Eric Brut, de Francia; Lorenzo Lucchini, de Italia, e Hugo Oliveira, de Portugal, “marcámonos como obxectivo a posta en valor do termalismo a necesidade de implementar e apoiar as políticas de promoción termal na UE e en todos os foros internacionais, así como promover ás vilas termais de Europa como dinamizadoras económicas, sobre todo no rural».

O presidente remarca que a estratexia de traballo nesta nova etapa da EHTTA definirá os novos modelos de relación institucional da entidade con outros organismos europeos, “para traballar nas liñas da saúde, os recursos patrimoniais e o turismo”, salientando o “elemento de cohesión dos territorios que supón o termalismo, xunto coa diversidade das rutas culturais a etnografía e as achegas históricas dos territorios termais, todo elo desde un desenvolvemento medioambiental sostible”, dixo Baltar.

“As nosas augas, os nosos territorios, a nosa cultura e as nosas tradicións son un valor que debemos seguir potenciando conxuntamente”, comenta Manuel Baltar, quen felicitou aos membros da asociación “polos éxitos acadados nestes dez anos de traxectoria da EHTTA”, e animounos a seguir nesta liña para que o termalismo protagonice a gran revolución turística do século XXI en Europa”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar