A Veiga organiza a 1ª Feira das Montañas de Trevinca

O Concello da Veiga organiza a 1ª Feira das Montañas de Trevinca, un evento que amosará os produtos da Alta Montaña Galega os vindeiros días 14 e 15 de decembro a través dunha programación que inclúe showcookings, conferencias, ruta de pinchos, música e a segunda edición do proxecto “Un Nadal enxebre”. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e a técnica encargada do centro apícola, Raquel Rodríguez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento gastronómico que “dinamiza e promociona os produtos do Concello da Veiga cun completo e variado programa de actividades”, dixo Rosendo Fernández.

Pola súa parte, a técnica encargada do centro apícola explicou a programación prevista para os vindeiros sábado e domingo, 14 e 15 de decembro, que comezará ás 12.00 horas do sábado coa inauguración da Feira na Praza do pulpo na Veiga. Así mesmo, comezará tamén a primeira degustación de tapas das montañas de Trevinca nos locais da Veiga. Para participar nesta degustación de tapas poderase adquirir un cartón, por un custe de 12 euros, que inclúe unha ración de cada tapa en cada local (seis locais), sen consumición. O cartón será válido desde as 12.00 horas do sábado ás 14.00 horas do domingo. Ademais regalarán unha cunca de barro por cartón.

A programación continuará ás 13.00 horas co showcooking a cargo de Gerson Iglesias, cociñeiro no Programa Come a Comarca da TVG, de fabas lobas das Montañas de Trevinca con degustación. Ás 16.30 horas haberá unha cata de mel de Galicia impartida pola IXP Mel de Galicia. Posteriormente, ás 17.30 horas haberá de novo un showcooking a cargo de Gerson Iglesias sobre a mel das Montañas de Trevinca con degustación. Estas actividades terán lugar na primeira planta do Centro de Desenvolvemento Rural. Por último, como peche desta primeira xornada, ás 19.00 horas, será a quenda a música cun concerto de Xavier Díaz & Adufeiras de Salitre, na praza do Toural.

Ao día seguinte, o domingo 15 de decembro, as actividades comezarán ás 10.00 horas coa apertura dos “preto 25 stands participantes”, dixo Raquel Rodríguez. Ás 11.00 horas haberá un showcooking a cargo de Anxo, cociñeiro do Restaurante A Viuda de Trives sobre a mel das Montañas de Trevinca con degustación. A continuación, ás 12.30 horas celebrarase unha charla sobre as Boas Prácticas Agrícola, impartida por técnicos do Inorde e ás 17.00 horas volverá Anxo cun showcooking sobre as Fabas Lobas das Montañas de Trevinca con degustación. As actividades de novo desenvolveranse na primeira planta do Centro de Desenvolvemento Rural. O peche da Feira será ás 18.00 horas. A inscrición nas actividades e a adquisición dos cartóns (dispoñibles ata o xoves) poderase realizar no Centro de Desenvolvemento Rural da Veiga ou a través do número de teléfono 603 71 96 73.

Así mesmo, o  alcalde da Veiga explicou que “cando comezou este proxecto non había nin un só apicultor na Veiga e hoxe hai máis de 25. Tampouco había practicamente mel e actualmente case toda a mel da Veiga está etiquetada e envasada baixo esta marca e participando máis de 25 persoas, movendo unha cantidade de mel próxima aos 10.000 – 12.000 quilos este ano e triplicándose cada ano as colmeas na Veiga”.

En canto á Faba Loba, Juan Anta explicou que esta iniciativa comezou este ano “con 25 veciños que sementaron máis dunha hectárea de terra abandonada para recoller máis de 1.200 quilos de fabas, esa Faba Loba que, por primeira vez, se poñerá eses días á venta na Veiga”.

Durante a Feira tamén se desenvolverá a segunda edición do proxecto “Un Nadal enxebre” que conseguirá que “todo o pobo estea decorado con produtos nosos e convertendo a Veiga no belén enxebre máis grande de Galicia”, salientou Juan Anta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar