A ‘vaca sagrada’ e o hinduísmo

Faise difícil sintetizar todo o universo cultural que condensa a India, conformada por antigos herdos de ir e vir de pobos. Onde as doutrinas entenderon a necesidade dun camiño ascético, dunha peregrinación a través de transmigracións que do Caos terreal conduce ao Cosmos. Aprender a desprenderse do tentador mundo material, cheo de egos, vicios, celos… como pedras dese camiño espiritual, ascendente cara a confundirse coa perfección cósmica. Onde o karma é como a semente, o plan que madurará conforme se cultive… Crenza no destino, no que ten que pasar pasará, mais coa posibilidade de reacción. Relixión pois que ten a súa mística no Tantra (extensión da mente), de seitas iniciadas no ensino de conducir ao éxtase e á liberación, o que farán canalizando as enerxías do corpo e da alma, a través da filosofía e da praxe do ioga. Guía cara á harmonía, ao pracer e á purificación. O Tantra entende o corpo humano como unha planta con raíces que se alimentan do zume da enerxía pura, a través do axe da columna vertebral, onde radica o chakra, centro de enerxía, outro está na fronte.

No século XX, o político Mahatma Gandhi foi un referente anovador dos vellos saberes do seu país, como tamén o foi o seu admirado humanista, filósofo, poeta, musico Rabindranath Thagore. País de astrónomos, de códices miniados, de alfombras e frautas máxica, onde o xadrez é máis que reflexo da mesma vida e hoxe Bollywood unha tentación cinematográfica entre o picante dos chiles. A pretendida ausencia de tensións está no brete baixo un ceo contaminado, cavilando en que si algo queda incompleto xa se resolverá na próxima vida.

A vella Europa atopou nos protoindoiranios os devanceiros indoeuropeos, orixe aria da lingua sánscrita e dos cultos brahmanistas, xa coñecidos no século XV a C. e aínda vivos na liturxia budista. Cuestións de orixe que serían sublimadas co da «raza» e que, na primeira metade do século XX, caracterizou ao nazismo envelenado en supremacías humanas e na práctica de atrocidades. Na Galiza feita nas encrucilladas e nos portos, asoballado por supremacías, foise máis prudente e entendeuse a «raza» nun sentido de identidade cultural, máis que somático.

Así pois Murguía, Risco e Cuevillas en Galiza, tirando do fío do substrato «céltico», seguían as modas orientalistas dos románticos e modernistas do Renacemento Céltico Irlandés, atopando nel as pegadas indoeuropeas, zoroastristas, os antigos cultos orientais, iso si, fortemente romanizados e cristianizados. Facho que iluminou moitos cavilares e producións artísticas.

Así é que, nesa ansia de «orientarnos» atopamos un libro de fácil lectura que introduce a ese fascinante universo hinduísta, o que tamén antes prendera e florecera na literatura máxica de Álvaro Cunqueiro e dos seus seguidores. Referimos a La vaca sagrada, otras historias de la India ( 2018), da autoría de Tarun Chopra, ansioso de seguir a tradición india de compartir saberes polo mapamundi. Algo que fai do mesmo xeito de como se circula alí, nin pola dereita, nin pola esquerda, por onde se poida, «asegún» que como diría o mesmo Risco.

A India é país de saberes complexos, de interminables burocracias e contradicións, das filas, de parábolas e lendas impregnadas de relixiosidade, onde a paisanaxe se trenza coa paisaxe… onde a Nai Vaca, agora acollida nas estradas, ao bafo do gasóleo que as aparta das moscas, resume tantas tradicións. Vaca, símbolo dunha milenaria cultura agraria e gandeira, de poder, casta e rango contabilizado en vacas, regalo aos deuses e sacerdotes brhamanes por un pobo esencialmente vexetariano. Fonte de leite e de esterco, usado ademais como abono, como combustible ou pesticida e que mesmo amasado con palla sirve de cemento nas construcións. Animal que cando non produce deixase na rúa e nas festas ofréceselle os mellores manxares, incluso doces. E xa que o deus reencarnado Krishna era pastor de vacas, os seus pastores terán dignidade sacerdotal. Tamén serán respectados o touro, o mono, a cobra, o pavo real.

Hinduísmo, budismo e jainismo son doutrinas de conductas de vida, con sacerdotes imitadores da vida de Shiva, os «sadhus», formados polos ghurús: ascetas apartados do mundanal, austeros, penitentes e que viven da caridade nas catro etapas da súa vida: respecto aos instrutores/ manter un fogar/ renuncia total. Pasando a esta derradeira etapa da súa ascese despois de formar unha familia… vestidos con túnica de cor azafrán, nunha man un tridente, na outra un tambor, entre as rastas das guedellas a cara pintada, a fronte marcada con tres raias de cinza e cores, lembrando os seus votos contra o ego, a ruindade, a tentación, preto dos templos e dos crematorios, pra reunirse entre eles cada doce anos -segundo as confluencias estelares- no Kumbha Mela e nas ribeiras do Ganges. País onde a deusa Ganges, filla dos Himalayas, despois de desencontros cos demos e acordos cos deuses convertese en auga purificadora de rio sacro, polo que flúen as cinzas dos fillos dos deuses e coas que se confundirán as dos seus seguidores. Onde o linga nos altares é a representanción da conxunción sexual, recta e curva. Aras nas que se bendice e marca co bindi, a liña roxa na fronte que levan as mulleres casadas, si ben homes e mulleres poden levar o punto, o tilak, como o terceiro ollo.

Aínda que as cousas mudan aguilloadas pola globalidade, a India sigue sendo un pais de tribos, subordinadas á casta, rango, profesión, mesmo sometidas ao horóscopo, onde conta o día e a hora de relacionarse, mesmo pra entrar no «mercado do matrimonio», o que se fai mediante anuncios, sendo ilegal discriminar por casta ou relixión. Xa que segundo os textos sagrados distínguense catro castas: a dos brahmanes ou sacerdotes, a dos kshatriyas ou guerreiros, tamén os aristócratas, os vaishayas ou comerciantes e finalmente os shudras, encargados dos servizos domésticos. Castas divididas en subcastas, onde os pais teñen forte mando nas determinacións dos fillos, mesmo si residen no estranxeiro endexamais deixarán de mirar cara á India. Onde os hijras, o terceiro sexo, eunucos -os que se sinten máis como mulleres- teñen normas e relixión propias e créese que, alí onde eles onde estean darán boa sorte.

Ao contrario doutras relixións o hinduísmo non ten fundador, recoñece a xeito de trindade (creación-conservación-destrución) a Brhaman, a Vishnu e Shiva, poder cósmico, alma suprema do universo, absoluto e eterno, todo ven e vai a El e cada ser humano é portador desa parte de alma eterna pra depender do universo. E así Indra é o deus da chuvia, Ganga dos rios, Chandra da lúa, Surya do sol, Agni do lume. Alma cósmica representada pola svástica, as mandalas, os rosetóns das cosmogonías. Buda que nace como ghurú e a doutrina do budismo nace da familia hindú . Segundo esta mitoloxía a derradeira reencarnación de Vishnu é Kalki, un novo deus que salvará ao mundo do demo e ao cabo dos dias presentarase acabalo.

Modelos de vida que se expresan en textos épicos como o Mahabharata ou o Ramayana, escritos en sánscrito, do século IV a. C. con tradicións e textos revelados a Ganesha, o deus que ten cabeza de elefante, sobre rivalidade de castas que caen en egos, onde os fillos da luz se enfronte aos fillos da noite. Mentres que o Ramayana trata da terceira reencarnación de Vishnu que liberou á terra do soberbio rei demo de dez cabezas. E o Kamasutra a guía das 100 posturas pra gozar do sexo… temas que abarrocan as paredes dos templos e a arte.

Para a cobiza dos colonizadores a India foi o país dos tesouros, das pedras preciosas pra engarzar en coroas imperiais, a do brillante Kohindoor, cunha historia de persecución e perdón tras si. Onde o Taj Mahal, como dicía Tagore sigue a ser «unha bagoa de mármore na meixela do tempo»…

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar