A Rede de Auditorios de Ourense programou 84 espectáculos na provincia

A comisión de seguimento da Rede de Auditorios Provincial de Ourense (reaOU) reuniuse no centro cultural “Marcos Valcárcel” para avaliar o funcionamento desta rede durante este ano 2019, así como para aprobar a continuidade deste programa de cooperación para 2020. Na reunión, presidida polo deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, participaron tamén a deputada provincial de Cultura, Patricia Torres e representantes dos concellos adheridos a reaOU e técnicos das áreas de Secretaría, Intervención e Cultura.

Tres anos despois da posta en marcha desta iniciativa cultural polo goberno provincial “podemos afirmar que os obxectivos iniciais da mesma están plenamente cumpridos, chegando a un nivel de funcionamento óptimo que continuaremos a manter nos vindeiros anos, tendo en conta o grao de satisfacción dos concellos adheridos e da Deputación”, dixo o deputado provincial de Cooperación.

A Rede está integrada por 35 concellos, o que equivale a un terzo do total dos municipios da provincia, “e está en trámites a incorporación dun novo concello”, sinalou Pablo Pérez, quen destacou que durante 2019, a reaOU programou 84 espectáculos nos diferentes concellos, “achegando a cultura ao rural da nosa provincia e ofrecendo espectáculos de gran nivel que fóra deste Rede serían difíciles de programar”.

A Deputación de Ourense asume, a través desta Rede, ata un máximo do 75% do custe total do espectáculo na maioría dos concellos, e “proba do éxito en 2019 é que, por primeira vez, esgotouse o orzamento inicial dedicado a este programa, que ascende a 150.000 euros, polo que, a través dun suplemento de crédito, a Deputación investiu un total de 188.000 euros para poder programar todas as actividades solicitadas polos concellos”.

A Rede de Auditorios Provincial de Ourense naceu co obxectivo de ofrecer unha programación cultural coordinada entre a Deputación e os concellos, fomentando e difundindo a música e as artes escénicas na provincia e levando espectáculos de gran calidade ao rural ourensán, “dinamizando así os espazos culturais dos concellos integrantes da Rede”, lembra Pablo Pérez, engadindo que de cara ao vindeiro 2020 “daremos continuidade a eses obxectivos para que continúen a adherirse concellos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar