A Asociación de Balnearios de Galicia estrea páxina web

A Asociación de Balnearios de Galicia estrea unha nova páxina web (www.balneariosdegalicia.gal). Proporciona máis recursos de interese para os usuarios e máis información relativa ás indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais da comunidade e ás posibilidades que oferta cada balneario, tanto dende o punto de vista do lecer como do sanitario.

De cada balneario indícanse os tipos de augas que ofrece, as súas indicacións terapéuticas, os programas e servizos hoteleiros que proporciona; pero tamén a historia de cada establecemento e as experiencias turísticas e de lecer que achega o seu contorno máis próximo. E todo isto ilustrado con magníficas fotografías dos 18 balnearios que integran a Asociación.

Na sección de noticias dáse conta de toda a actualidade do sector termal galego, así como das diferentes iniciativas que ten en marcha. Outro dos espazos relevantes da páxina é o destinado á Cátedra de Hidroloxía Médica da USC-Balnearios de Galicia, que comezou a impartirse na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de no ano 2006 e forma cada curso a máis dun centenar de alumnos nas posibilidades terapéuticas das augas minerodicinais da comunidade.

En relación ao novo soporte da entidade, o xerente de Balnearios, Benigno Amor, explica se trata de “unha web moderna, cun estilo actual”. Salienta que “busca, por un lado, a promoción dos balnearios asociados e, polo outro, chegar o contido aos usuarios dun xeito ameno, intuitivo e sinxelo”.

A nova web está en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés. E está totalmente adaptada aos diferentes dispositivos actuais (móvil, tablet, portátil…), o que lle permite aos usuarios realizar consultas e buscar información en calquera situación e desde calquera lugar, adaptándose así aos novos hábitos dos consumidores. “É unha aposta polo 3.0 nun momento de revolución tecnolóxica” -declara o xerente-.

Os balnearios de Galicia

Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.

PRENSA Asociación de Balnearios de Galicia

981 554 407  /  639 768 929  …..  www.balneariosdegalicia.gal

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar