Presentación dos IV Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio no Culturgal


A Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas premian, un ano máis, a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando a cuarta edición dos Premios María Luz Morales, que foi presentada onte no marco do Culturgal. 
O evento contou coa presenza de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que será a anfitrioa da entrega de premios da presente edición. Estivo acompañada por Aurelio Gómez, asesor de cultura da Deputación de Ourense e Pepe Coira, vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, quen reivindicou os dous obxectivos principais destes premios: descubrir a figura de María Luz Morales e propiciar o coñecemento e a investigación no eido audiovisual, o que constitúe unha das razóns de ser da Academia. Pola súa banda, Aurelio Gómez quixo destacar o valor da colaboración entre as catro deputacións para a posta en marcha desta convocatoria e a importancia do traballo conxunto para materializar proxectos  a prol da cultura. A presidenta da Deputación de Pontevedra quixo destacar “a grande revolución que vive o audiovisual galego a todos os niveis” e agradeceu á Academia que recuperase o nome de María Luz Morales e que sacase do silencio “a mulleres que tanto teñen aportado á nosa cultura”.
Os premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre audiovisual pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Levan o nome dunha xornalista galega que foi pioneira na súa época, ao converterse na primeira directora dun xornal diario estatal, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo e foi represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, poden presentar os seus ensaios escritos e/ou os seus videoensaios sobre temática galega ou internacional dende hoxe mesmo ata o próximo 3 de maio a través do correo-e inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal, segundo recollen as bases que xa están publicadas na web da Academia. Os traballos gañadores recibirán un galardón e 1.200 euros.
 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar