Bodega Alanís e «4Mal Quartet Jazz» clausuraron o ciclo «Cata completa de arte» con aforo completo

Bodega Alanís de Ribadavia presentou o seu viño branco Gran Alanís 2018 da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para unha abarrotada sala na última sesión da sexta edición do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, o viño estivo acompañado de temas de jazz, orixinais, standards e versións da man do grupo 4Mal Quartet Jazz, así como de bocados gastronómicos que harmonizaron á perfección. O evento tivo lugar na planta principal do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a mostra “De Mar a Mar. El Camino de Santiago en 3D. Vía de la Plata”, na que se poden ver en 3D paisaxes e patrimonio de dita ruta de peregrinación, e que estará exposta no centro ata o próximo 8 de Decembro.

4Mal Quartet Jazz é un grupo de O Carballiño, nado en 2015 e formado por Alexandre Cabanelas (saxos), Ángel Alfonso Gulías López (piano), Alberto «Roni» (contrabaixo, baixo eléctrico) e Alex González (batería). O seu repertorio é un conxunto de temas orixinais, standards de jazz e versións de outros temas. En 2017 lanzan un crowdfunding para poder gravar o seu primeiro disco de estudio e publican “Perspectivas”, composto por 10 temas de composición propia, menos a pista 8. Despois do lanzamento, o cuarteto sae de xira-presentación por todo Galicia. En febreiro de 2019 lanzan un single titulado “Pick Up Your Name”, que nos transporta a novos horizontes do jazz.

Nesta sexta edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para Cáritas Diocesana de Ourense, que que abarca  diferentes ámbitos de actuación, dende programas de acollida, vivenda, infancia, etc. ata múltiples proxectos de voluntariado ou acción e dinamización social. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entraron nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.

O vindeiro mes de decembro entregarase o cheque solidario coas aportacións de todos os asistentes durante as catro xornadas que abrangueu o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Viño e arte

O ciclo rematou onte coa súa última sesión, levando realizado eventos todos os xoves de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais paralelas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar