Tellado; PPdeG: “Non queremos un presidente do Goberno secuestrado polos populistas e polos independentistas

“Non queremos un presidente do Goberno de España secuestrado polos populistas de Podemos, a esquerda radical e os independentistas cataláns”, sinalou o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, quen advertiu que o que queren “é chantaxear” a Pedro Sánchez de forma continuada para conseguir o que a Constitución non lles permite.

Durante unha entrevista en RNE, cualificou de “erro e desastre histórico” un goberno liderado polo PSOE en coalición cos populistas de Podemos e os independentistas cataláns, que levan meses desafiando a unidade de España. Neste senso, avogou porque, tal e como manteñen socialistas históricos como Felipe González, Rodríguez Ibarra ou Javier Fernández, “impere o sentido de estado”; e salientou que Pedro Sánchez, sempre que pode, “ten a tentación e a vocación de pactar con radicais”, tal e como fixo en Navarra e en máis de 40 concellos cataláns onde goberna cos independentistas ao igual que na Deputación de Barcelona.

Para Tellado, o que precisa España é un goberno constitucionalista que faga fronte aos desafíos que o país ten por diante, polo que avogou por pactos de estado sobre cuestións clave co fin de garantir a estabilidade. Do mesmo xeito, sostivo que a situación de desaceleración pode converterse en crise: “Non cremos que a situación económica actual estea en boas mans se dependemos dun goberno de socialistas e populistas”. Así, contrapuxo a época de Mariano Rajoy, que deixou un país que creaba medio millón de postos de traballo ao ano, coa actual, onde o mercado laboral se está a resentir pola inestabilidade política do Goberno de Pedro Sánchez.

SER ÚTILES A GALICIA”

Tellado remarcou que o Partido Popular de Galicia “é o referente da maioría social” e que os galegos se senten perfectamente representados pola formación que lidera Alberto Núñez Feijóo; tal e como quedou de manifesto nas últimas Eleccións Xerais, onde o PPdeG acadou 19.000 votos máis que nos comicios de abril e o PSdeG, 68.000 menos. Para o número dous dos populares galegos, a clave está en que hai un goberno na Xunta que goberna para todos e que defende o interese xeral de Galicia, “unha bandeira que o PSdeG ten abandonada, xa que, cando tiña que elixir entre Galicia e Pedro Sánchez, elixiu a Pedro Sánchez”. “A forma de gañar eleccións – engadiu- é ser útiles a Galicia”.

Tal e como subliñou, chama a atención “a soberbia” e a nula capacidade de autocrítica de Gonzalo Caballero, a cuxo partido, entre abril e novembro deste ano, se lle escaparon 350 votos diarios. Un feito, apuntou, que ten que ver con darlle as costas á Comunidade permanentemente. “Nunca se aliñou do lado dos que defendemos os intereses de Galicia”, dixo Tellado, que recordou a falta de compromiso do líder do socialista co AVE, co financiamento autonómico e coa industria galega. “Gonzalo Caballero converteuse no delegado de Ferraz en Galicia”, sentenciou.

Para rematar e tras incidir nas consecuencias de dividir o voto de centro-dereita, fixo fincapé en que os 180.000 votos na nosa Comunidade a VOX e a Ciudadanos non obtiveron representación, algo, continuou, que acabou beneficiando ao PSOE de Pedro Sánchez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar