A música galega Cristina Pato actuou en Washington, na Universidade de Georgetown

Cristina Pato participou na gala do centenario dunha das máis prestixiosas institucións mundiais en materia de asuntos internacionais, a Walsh School of Foreign Office da Georgetown University, na que tamén houbo discursos de grandes protagonistas da política americana e mundial das últimas décadas, como Bill Clinton, Madeleine Albright ou Nancy Pelosi, entre outros. 

A artista ourensá interpretou varios temas canda o cellista Yo-Yo Ma e Sandeep Das de Silk Road Ensemble ao piano (“Quarter for the End of Time”, composto por Olivier Messiaen en 1941 como prisioneiro de guerra) e pechou a súa actuación coa gaita . Tamén houbo tempo para a conversa enriba do escenario, cando a propia Pato e Yo-Yo Ma falaron con Lulú García Navarro, unha recoñecida xornalista americana, de como a cultura nos conecta. 

Xusto a continuación saíu a escena Madeleine Albright, ex secretaria de Estado dos Estados Unidos, para presentar a Bill Clinton, que pechou a gala co seu discurso. 

Cátedra Juan Carlos I na NYU

Agora mesmo Cristina Pato está a ocupar neste curso académico 2019-2020 a Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU), unha das máis destacadas universidades dos Estados Unidos, que teñen ocupado anteriormente destacados persoeiros das letras, como Antonio Muñoz Molina, Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Jon Juaristi ou Estrella de Diego, ademais de por outros destacados persoeiros como Baltasar Garzón ou hispanistas do talle de Sir John Elliott ou Sir Raymond Carr.

Pato, cuxa carreira académica a ten levado a impartir clase en diferentes universidades americanas, como Harvard ou a Universidade de California, centrará a súa actividade na NYU na invisibilidade dos inmigrantes e das culturas minorizadas en España. En concreto, centrada na invisibilidade da música do norte de España: a vasca, a sefardí, e a galega. Ademais das súas clases, organizará varias conferencias en torno a diversos temas relacionados cos seus obxectos de investigación dos últimos anos: música e neurociencia, a sustentabilidade do artista, a conexión afrolatina nos Estados Unidos, a memoria cultural e a perda de memoria, ou a situación das outras linguas en España. 

Gaiteira, pianista, educadora, escritora e produtora

Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo The New York Times, a súa vida profesional está adicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a Gaita Galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada. 

A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina. Traballa como Asesora de Educación de Silkroad (fundado por Yo-Yo Ma), e ten traballado como artista residente en varias universidades, incluíndo Harvard e a Universidade de California Santa Barbara, onde desenvolve proxectos educativos interdisciplinares sobre o papel das artes na sociedade. É a fundadora do festival multidisciplinar Galician Connection, e escribe unha columna semanal para o diario La Voz de Galicia

Activa intérprete, conferenciante e oradora pública, Cristina posúe un Doutoramento en Musical Arts pola Rutgers University (EUA), os títulos superiores de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e un Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra. Cristina está a preparar o seu segundo doutoramento en Estudos Culturais, e é a co-creadora dunha pioneira clase sobre Memoria xunto co neurocientífico Dr. Kenneth S. Kosik. 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar