Ourense reduce os estorniños nun 90%, e actualmente conta con 700 exemplares autóctonos

“Unha solución eficaz, ecolóxica e barata”. Así cualificou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a campaña de control da poboación de estorniños na cidade, “un problema que levaba 15 anos sen resolverse”. As cifras, presentadas hoxe en rolda de prensa, revelan que os asentamentos dos Remedios (30.000 exemplares aproximadamente) migraron a outros emprazamentos pola acción disuasoria das aguias, e actualmente cífranse en 700 os exemplares de estorniños na cidade, os que xa estaban previamente.

O ciclo natural destas aves debería mantelas nos seus asentamentos até o mes de marzo, pero a acción persuasiva realizada pola empresa obrigounas a migrar. Nun primeiro momento a diferentes refuxios: o parque de San Lázaro (5.000 exemplares) e o de Angelita Paradela (10.000 exemplares). Logo de dous meses de servizo, a poboación reduciuse a números residuais. “Para o ano que vén, adiantando a vixilancia aos meses de agosto ou setembro, non habería que agardar que volvesen vir”, recalcaba Pérez Jácome.

Das 20 zonas verdes baixo vixilancia, os estorniños foron empregando até 6 asentamentos principais. A medida que se foi desenvolvendo o servizo, estes foron dispersándose nos días seguintes a outros 14 emprazamentos secundarios de maior ou menor entidade, pero non quedaron neles máis aló dunha noite e, aos poucos, foron migrando. O servizo continuará coa vixilancia de todas as zonas afectadas até o mes de marzo, á espera da posible entrada de grandes grupos de estorniños pintos ou negros. O custe total do control dos estorniños foi de 9.266 euros.

Pombas

O seguinte paso anunciado polo rexedor foi o de facer un control das pombas, xa que os técnicos da concellería de Medio Ambiente detectaron numerosos exemplares con patoloxías diversas. “Non se trata de erradicalas”, dixo Jácome, “só de detectar cales están enfermas para que non se contaxien”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar