Os medios públicos galegos ofrecerán unha programación especial nas eleccións

Os medios públicos galegos porán en marcha o domingo un amplo despregamento de medios para informar de todo cando aconteza na xornada electoral. En total, ao longo do día, a CRTVG contará con preto de 30 puntos de directo e xornalistas en todas as sedes de Galicia e Madrid, acompañando todos os partidos con aspiracións a ter representación no Congreso dos Deputados.

A TVG terá o primeiro contacto informativo coa xornada electoral ás 9.00 horas, en que se ofrecerá un especial informativo que realizará unha rolda de conexións con colexios electorais das catro provincias galegas para estar presente na apertura das mesas e nos primeiros compases das votacións. Ás 10.30 h, os espectadores poderán seguir, nun ‘Adianto Informativo’, as primeiras comparecencias no Centro de Datos de Madrid. No programa ‘A Revista Fin de Semana’, que comezará arredor das 12.10 h, realizarase un novo percorrido pola actualidade da xornada electoral, coñeceranse os primeiros datos de participación e ofreceranse as primeiras imaxes das votacións dos principais líderes políticos, tanto en Galicia coma en Madrid.

Ás 14.30 h, o ‘Telexornal Mediodía’ ofrecerá unha ampla información do transcurso da xornada. Conectarase novamente co Centro de Datos de Madrid e achegaranse datos de participación, posibles incidencias e anécdotas destacables. A dúas horas do peche dos colexios electorais, ás 18.00 h., a TVG emitirá un novo ‘Adianto informativo’, en conexión co Ministerio do Interior.

A partir das 19.30 h, a Televisión de Galicia porá en marcha o Especial Informativo ‘Eleccións Xerais 10-N’. Desde o estudio 5 de San Marcos, Marta Darriba e Ana Celia Vázquez ofrecerán ao peche dos colexios electorais os resultados dun tracking elaborado pola empresa de demoscopia Gad3 para a rede de FORTA, cunha previsión dos resultados, coa porcentaxe de votos e de escanos estimados. Este tracking-poll foi realizado sobre unha base de 13.000 entrevistas telefónicas. Os datos desta enquisa serán obxecto de debate por Matilde Massó, Luís Cuntín, Arturo González e Xosé Luís Gomez, analistas que estarán presentes no estudio.

Outro dos puntos informativos estará situado na redacción da TVG, desde onde se establecerán conexións ao fío da actualidade con Carlos F. Amado. E contarase tamén cun equipo desprazado a Barcelona para seguir o transcorrer da xornada en Cataluña. Unha vez que vaia avanzando o escrutinio e se vaian coñecendo resultados oficiais, o especial informativo da TVG abrirá outra mesa de debate, en que María Cadaval, José Rodríguez Polo, Xoán Antón Pérez Lema e Pablo Vázquez Sande analizarán polo miúdo os resultados, tanto a nivel nacional coma nas circunscricións galegas.

A cobertura da CRTVG posibilitará estar tamén nas sedes dos principais partidos políticos en Galicia e Madrid para seguir as primeiras reaccións ao reconto de votos, as conferencias de prensa e as comparecencias oficiais dos líderes para valorar os resultados. En total, serán cinco horas de programa en directo.

Cobertura da Radio Galega

A Radio Galega iniciará o domingo a súa programación especial para dar cobertura á xornada electoral. Desde primeira hora, con Javier Corral e Victoria Rodríguez á fronte dunha edición especial do ‘Galicia por Diante’, a emisora pública pulsará os últimos preparativos nos colexios electorais antes da súa apertura ao público e seguirá con atención os primeiros compases da xornada en conexión permanente cos colexios electorais e co Centro de Datos de Madrid, cun amplo equipo de xornalistas despregados polo territorio. Ao mediodía, nunha edición especial da ‘Crónica das Dúas’, avanzaranse os primeiros datos de participación e resumiranse todas as incidencias da xornada ata o momento.

Os xornalistas Luís Ojea e Celia Rúa presentarán o Especial Informativo entre as 19.45 e a 01.00 h para informar e analizar o resultado das urnas. Será ás 20.00 h. do domingo cando a Radio Galega avance a última sondaxe antes do reconto definitivo, o tracking elaborado por Gad3. A interpretación dos datos correrá a cargo de colaboradores da emisora pública como Fernando Ónega, Javier Casqueiro, Ricardo Colmenero, Luís Pérez, Roi Rodríguez, Julián Rodríguez, Martín García Piñeiro, María Pereira, Susana Luaña ou Fran Espiñeira.

En tempo real, tamén na web da CRTVG

Un espazo habilitado na páxina web da CRTVG (www.crtvg.gal) achegará en tempo real tamén toda a actualidade da xornada, e os resultados electorais a medida que se vaia producindo o escrutinio. Tamén estarán dispoñibles os datos do tracking electoral tras o peche dos colexios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar