O recoñecido frautista francés Matthieu Gauci-Ancelin impartirá clases a músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. Ademais de alumnos da Escola, tamén poden asistir a estas sesións músicos externos ao centro.

A vindeira semana contarase coa presenza do aclamado frautista francés Matthieu Gauci-Ancelin, os días 14 (de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas) e 15 de novembro (de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas). Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Ten tocado baixo a batuta de directores tan aplaudidos como Daniel Barenboim, Gustavo Dudamel, Mariss Jansons ou Mstislav Rostropóvich

Nacido en París,Matthieu Gauci-Ancelin comezou a tocar a frauta aos oito anos. Estudou no Conservatorio de París. Foi frautista principal da Ópera Cómica de Berlín e da Xove Orquestra Gustav Mahler. Tamén integrou a Filharmónica de Berlín e foi membro da Academia Karajan de Berlín. Dende o ano 2017 é profesor da Escola de Música Hanns Eisler de Berlín.

Colabora con regularidade coa Filharmónica de Berlín como principal frautista convidado. Toca ademais coa Sinfónica de Londres, Filharmónica de Múnic, Orquestra de Dresdre e Orquestra Estatal de Berlín, entre outras.

Ten tocado baixo a batuta de directores tan aplaudidos como Claudio Abbado, Daniel Barenboim, Gustavo Dudamel, Mariss Jansons, Lorin Maazel, Mstislav Rostropóvich ou Sir Simon Rattle. Ademais da súa actividade orquestral, aparece a miúdo como solista con grandes agrupacións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar