ABANCA lanza o programa ‘Vive la vida’ cunha oferta integral para maiores de 55 anos

ABANCA dá un paso máis no compromiso que mantén co colectivo de persoas maiores co lanzamento do programa ‘Vive la vida’, un paquete de produtos e servizos, tanto financeiros como non financeiros, deseñados para ofrecer unha solución global ás demandas e necesidades deste colectivo que está a protagonizar un gran cambio social e redefinindo esta etapa da vida.

O director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, explicou na presentación do programa que “foi pensado e construído polo banco da man de clientes e non clientes, a través de entrevistas en profundidade, enquisas e focus group, o que nos deu unha visión global do colectivo, así como dos seus intereses e preocupacións en distintos ámbitos, desde a atención financeira até o gozar do tempo libre”.

‘Vive la vida’ constitúe, por tanto, a resposta do banco a ese traballo de investigación realizado ao longo do ano pasado tendo en conta os perfís máis activos e independentes destas persoas e as expectativas de vida máis longas.

Para iso, contou coa dedicación da Obra Social ABANCA, Afundación, que sumou esforzos coa entidade neste ámbito para avanzar no exercicio dos fins que lle son propios, dirixidos á realización dunha acción educativa, social e cultural que contribúa a mellorar a sociedade galega dentro e fóra de Galicia, posibilitando o desenvolvemento integral das persoas.

“Os equipos de ABANCA e Afundación sumaron todo o seu coñecemento para deseñar esta oferta, orientada á consecución dos seus respectivos obxectivos, na que estiveron traballando durante meses e que non queda aquí, senón que continuará ampliándose no futuro con novas solucións nas que sempre vai primar a calidade”, indicou Miguel Ángel Escotet.

Manuel Nogueira, director de Banca Particulares de ABANCA, destacou que “con este programa a entidade convértese en provedor integral de produtos e servizos para os maiores de 55 anos”, un segmento cun peso crecente en toda España e especialmente en Galicia, onde alcanza o 39% da poboación.

ABANCA é experta na atención a este colectivo, como reflicten os preto de 800.000 clientes deste grupo de idade aos que ofrece servizos financeiros na actualidade, o que supón unha cota en Galicia do 74%. Ademais, unha de cada dúas pensións galegas está domiciliada na entidade e a capilaridade da súa rede comercial permítelle dar cobertura ao 98,1% da poboación da comunidade autónoma. En concreto, é a única entidade que presta servizos financeiros en 100 municipios.

Catro piares para unha solución integral

O director de Banca Particulares sinalou que o programa “estruturouse en catro grandes bloques en función das necesidades e demandas ás que dan cobertura: lecer ou goce do tempo libre, crecemento persoal, asistencia e asesoramento, e solucións financeiras”. “O paquete”, subliñou, “inclúe desde ofertas de viaxes, actividades de entretemento, cursos de formación e accións de voluntariado, até seguros específicos de dependencia e saúde, servizos de asistencia no fogar, asesoramento financeiro e xurídico, ou solucións relacionadas coa vivenda”.

Na elaboración da oferta tivo un papel determinante a ampla experiencia de Afundación no ámbito do envellecemento activo, unha das súas tres liñas estratéxicas de actuación. A Obra Social do banco dispón dunha rede de once Espazos +60 nas principais cidades galegas que suman máis de 14.000 socios e cada ano organiza máis de 1.500 actividades para maiores nas que participan máis de 26.000 persoas.

Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación, explicou que “Vive la vida recolle o espírito destes centros, que son lugares para seguir crecendo onde ofrecemos propostas para mellorar o benestar, cultivar o talento artístico, seguir aprendendo, relacionándose ou pondo a experiencia ao servizo de nenos, novos e doutros colectivos”. Ademais de xuntar esforzos con Afundación, para ofrecer un servizo diferencial, ABANCA estableceu novas alianzas con provedores líderes no mercado nos seus respectivos sectores de actividade, como Legálitas, Cruz Vermella ou Ciberviaxes.

Toda a oferta que abarca ‘Vive la vida’ está dispoñible para a súa consulta no espazo web específico [abanca.com/vivelavida, desde onde as persoas interesadas poderán tamén coñecer como acceder a estes produtos e servizos, que nalgúns casos será a rede de oficinas de ABANCA e noutros directamente a través da web.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar