A gala de entrega dos Premios Paraugas celébrase o vindeiro 29 de novembro en Expourense

O Clúster da Comunicación de Galicia promove este mes a cuarta edición dos Premios Paraugas, que naceron en 2016 coa idea de poñer en valor e distinguir o excelente traballo que se fai na nosa terra nas áreas de deseño, creatividade, edición, impresión, comunicación e marketing. A gala de entrega destes recoñecementos terá lugar en Expourense o vindeiro 29 de novembro, nun acto posterior á celebración do VII Foro da Comunicación de Galicia.

Os premios tamén distinguen boas prácticas no ámbito da impresión dixital e do marketing online, dous campos de actividade que están a medrar considerablemente. Ademais, durante a gala, recibirá unha homenaxe póstuma o publicista e editor ourensán Luis Carballo, que faleceu este mesmo ano.

Últimos días para inscribirse

O prazo para inscribirse na cuarta edición dos Premios Paraugas remata este mércores 6 de novembro. Ata entón poden presentarse todos os traballos desenvolvidos entre outubro de 2018 e outubro do 2019 que teñan que ver con algunha das categorías fixadas. A inscrición pode efectuarse dixitalmente a través da páxina web creada ao efecto: www.premios.clustercomunicacion.gal.

Deste xeito, a convocatoria recoñecerá a labor de empresas, institucións e organizacións que destaquen polo seu bo facer dentro das áreas que conforman a cadea de valor da comunicación.

Xurado e patrocinadores

O xurado está formado por membros da Xunta Directiva do Clúster da Comunicación de Galicia e por outros membros das asociacións integradas no organismo, tales como Markea, Dircom Galicia e Creatividade Galega, así como por diversos profesionais de prestixio, e valorará os traballos no seu conxunto.

Algunhas das categorías están patrocinadas por entidades ou empresas que respaldan a iniciativa tales como HP Índigo, GAIN, BySidecar, .gal, Avante e Galicia Calidade. Os galardóns tamén contan co patrocinio da Deputación de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar