O 18 remata o prazo para as axudas dos locais comerciais da cidade histórica de Santiago


O Consorcio de Santiago destinará este ano un total de 75.000 euros á rehabilitación dos locais comerciais da cidade histórica a través do seu “Programa Localízate”. As solicitudese a documentación poderán presentarse no rexistro do Consorcio, situado no número 59 da Rúa do Vilar, ou en calquera outro rexistro. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 18 de novembro.

O Consorcio de Santiago e o Concello coordínanse para sacar as convocatorias de locais á vez, co propósito de facilitar a información e atención aos interesados. Así, o Concello acaba de convocar novas axudas para o comercio dentro do programa «Coidar para mellorar», destinado ao acondicionamento dos locais localizados fóra do ámbito do Plan Especial de Rehabilitación da Cidade Histórica.

Dende o Consorcio salientan que “o comercio e os comerciantes son axentes fundamentais para a conservación dunha cidade viva, en continua evolución e cunha rica diversidade social, unha cidade onde os seus habitantes poidan atopar o marco axeitado para satisfacer as súas necesidades. Neste marco, as actividades de servizos (de formación, culturais, sanitarios, deportivos…), os talleres artesanais e o comercio de proximidade son o motor da actividade económica e sen a súa participación activa na vida cotiá ningunha política de rehabilitación sería válida”.

O Consorcio de Santiago incentiva a rehabilitación dos establecementos da cidade histórica, a mellora da súa accesibilidade, da súa eficiencia enerxética, da súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior.

Estas axudas inclúen os honorarios de redacción do proxecto e a dirección técnica da obra. A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago encargarase de redactar a documentación técnica no caso das obras de pequena entidade. 

Requisitos para acceder ás axudas

Un dos requisitos para acceder a estas axudas é que o local debe estar destinado ou destinarse a algún dos seguintes usos regulados na Normativa Urbanística do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela: comercial, oficinas, actividades industriais e talleres de artesanía compatibles coa vivenda, docente, sanitario, asistencial, sociocultural ou deportivo.

En relación ao uso comercial dos locais, subvencionarase o comercio polo miúdo de froitas everduras, carnes e peixes; pan, pastelería e similares; leite e produtos lácteos; bebidas e produtos alimenticios; téxtiles e calzado; droguería, cosmética, limpeza e pinturas; artigos de hixiene e aseo persoal; herbolarios; artigos para o equipamento do fogar e a construción;accesorios e pezas de reposto para vehículos, maquinaria; mobles e enseres domésticos; instrumentos musicais; mobles e equipamentos de oficina; aparatos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos; libros, xornais e artigos de papelería, debuxo e belas artes; xoiería; xoguetes, deportes, plantas, pequenos animais e reparación de artigos eléctricos para o fogar.

Primaranse os sectores definidos como estratéxicos polo Concello de Santiago

Valorarase a apertura de novos locais actualmente sen uso e a repercusión da actividade da empresa no desenvolvemento do tecido económico local, en particular os sectores considerados como estratéxicos polo Concello de Santiago: biotecnoloxía e ciencias da saúde, transformación da madeira, deseño de moda, ecnomía social, turismo idiomático e axencias de servizos turísticos e industrias culturais.

O orzamento mínimo subvencionable será de 600 € e o máximo de 30.000 €. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.

GABINETE DE COMUNICACIÓN DO CONSORCIO DE SANTIAGO

Rúa do Vilar, 59. Santiago de Compostela  |  www.consorciodesantiago.org ​

prensa@consorciodesantiago.org  |  Tel_ 981 55 44 07  _  639 768 929

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar