A fotografía en Lugo

Foi presentado na sala de novas tecnoloxías do Concello de Lugo o libro «A fotografía lucense» de Eduardo Ochoa, editado polo Grupo fotocinematográfico Fonmiñá con motivo da XLI Semana de Cine de Lugo.

No libro reflíctese o alto nivel da fotografía de afeccionado en Lugo nos anos cincuenta e sesenta, conseguido polos membros da Agrupación Fotográfica Lucense de Educación y Descanso, que andando o tempo se integrou en Fonmiñá, precisamente nos tempos nos que este Grupo comezaba a organizar as Semanas Internacionais de Cine de Autor – Semanas de Cine de Lugo. O libro conta a historia fotográfica de Lugo a través dos nomes máis destacados neste labor.

Daqueles grandes fotógrafo de mediados do século XX seguen entre nós Carlos Valcarcel Gay e Cesar Quijada Ruiz.

Na presentación do libro estivo Cesar Quijada, que recordou feitos daqueles tempos e agradeceu a homenaxe (¡»en vida -bromeou- que, se non, íame enfadar»). Nunha das fotografías, de esquerda a dereita, Eduardo Rodríguez Ochoa, autor do libro; Maite Ferreiro, Concelleira e Deputada de Cultura; Cesar Quijada Ruiz e Xulio Xiz, Presidente de Fonmiñá.

Á presentación asistiron fotógrafos actuais, destacados estudiosos da fotografía, e fillos dos fotógrafos históricos Valentín Roldán Real, Luis Belló Arias e Guillermo Peinó Mosquera.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar