Recepción de Manuel Baltar ao presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente e ao secretario da Asociación de empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas, José Antonio Rodríguez e Sergio Mourille, respectivamente, unha asociación da que a Deputación de Ourense é unha aliada fundamental. Na xuntanza analizáronse temas referidos ao futuro desta entidade e da área empresarial que representa -unha das máis importantes de Galicia-, así como as actividades de celebración, nos próximos meses, do 40 aniversario da asociación, e tamén comentaron proxectos estratéxicos que teñen que ver con infraestruturas, “saudando o enlace coa autovía, que vai ser unha realidade nos próximos meses e que facilitará o labor dos máis de 8.500 traballadores e as empresas que conforman este polígono industrial”, destaca Manuel Baltar.

Na reunión, o presidente da Deputación e os directivos da asociación falaron, asemade, da Cidade do Transporte; do estado dos viais, que son propiedade da Deputación de Ourense; dun plan de mobilidade sostible, que o goberno provincial tamén ve con interese, e da posta en marcha dun foro ou mesa industrial, iniciativa coa que a Deputación colaborará «porque estamos convencidos de que os empresarios son o gran motor económico da provincia, e exemplos como os da Asociación de empresarios do polígono de San Cibraoreflicten unidade e boa xestión, un modelo que contribúe a que a nosa provincia manteña esa imaxe de rigor e de ambición”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar