Feijóo apoia o compromiso dunha Galicia libre de machismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso de Ana Peleteiro e Adrián Ben para conseguir unha Galicia libre de machismo, a través da sinatura dos contratos de patrocinio cos atletas para colaborar en campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.

Aínda que se ten avanzado moito, Feijóo recordou que, en ocasións, a desigualdade mostra a súa peor cara en forma de violencia de xénero, lembrando o último crime acontecido recentemente en Valga. E, logo de aseverar que a igualdade é un dereito natural e que esa loita ten que basearse no consenso, fixo fincapé en que Galicia é unha terra libre de machismos, na que non cabe xustificación ningunha ante esas actitudes.

Nese sentido, o titular da Xunta fixo fincapé en que na loita contra esta lacra podemos atopar no deporte galego un gran aliado, xa que está ligado a valores como o respecto, o esforzo ou o compañerismo. E para iso, dixo, “que mellor que escoller a dúas persoas que son referentes sociais e que están comprometidos coa igualdade e coa erradicación do machismo”.

Ao fío disto, o presidente da Xunta destacou os últimos logros de ambos atletas, e especialmente os acadados no recente Mundial de atletismo de Doha. Por unha banda, Ana Peleteiro foi sexta do mundo en triplo salto –tamén é campioa de Europa nesa modalidade-; e, Adrián Ben converteuse no segundo español da historia en clasificarse para a final de 800 metros dun campionato do mundo e acadou a sexta praza neste primeiro mundial que disputou.

Finalmente, Feijóo agradeceu que ambos puideran compatibilizar esta sinatura cos seus compromisos profesionais e estar presentes para alzar a súa voz, que ten eco e percorrido na sociedade, para dicir non á violencia de xénero e si a igualdade de oportunidades. Momento no que tamén aproveitou para desexarlles a mellor das sortes nas vindeiras olimpíadas de Toquio nas que, sinalou, todos os galegos e galegas “estaremos atentos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar