Entrevista na TVG:«Estamos pagando a política enerxética desordedenada do Goberno», apunta o conselleiro de Economía

O conselleiro de Economía Francisco Conde foi entrevistado no ‘Bos días’ da TVG. A conversa estivo centrada na situación da central térmica das Pontes (A Coruña) e da planta de Alcoa en Lugo.

Conde afirmou: “Estamos pagando unha política enerxética desordenada por parte do Goberno, onde se está primando unha ruptura fronte a unha aposta pola industria. O Goberno ten capacidade de actuar e favorecer o desenvolvemento industrial. No caso de Alcoa non hai unha aposta pola produción do aluminio primario en España, e polo tanto, o Goberno parece que ten decidido limitar e pechar as centrais de produción de aluminio primario”.

O conselleiro tamén tivo palabras sobre a central térmica das Pontes e expuxo: “España está traballando a contracorrente. O resto de países europeos manteñen abertas as centrais térmicas, e aquí Endesa fixo un investimento de 200 millóns de euros para cumprir coa normativa europea” mentres que o Goberno “está penalizando a posibilidade de que se poida seguir producindo carbón igual que o están facendo os outros países europeos” priorizando outro tipo de actuacións.

Segundo Francisco Conde “a solución pasa por asumir a loita contra o cambio climático, compartida por todos os gobernos e pola Xunta de Galicia, pero que ten que ser unha loita en igualdade de condicións que o resto de países, cunha transición”. Con estas palabras o conselleiro referiuse, sobre todo, a que “non podemos afrontar unha reconversión industrial enerxética en España sen que haxa alternativas”. Francisco Conde engadiu que para afrontar esta transición “a Comisión Europea está establecendo fondos a partires do ano 2021 para que os países se poidan adaptar”. O conselleiro tamén afondou en que “a transición require un traballo de futuro no que o impacto non recaia sobre os traballadores”. “O que está facendo o Goberno de España é trasladarlle aos traballadores o custe que ten esta transición enerxética. Iso non é xusto”, rematou.

Conde tamén recoñeceu que “a loita contra o cambio climático ten un custe”, e ese custo “hai que asumilo dunha forma proporcionada”. Nesta liña, pediu que o Goberno “estableza medidas en igualdade de condicións que outros países para que a central de As Pontes non peche”.

Na mesma liña o conselleiro afirmou que a solución para a planta de Alcoa San Cibrao pasaría por rebaixar o prezo da enerxía “en torno aos 35€ o megawatio podería ser suficiente porque é unha planta moi competitiva” e asegurou que “o Goberno ten que marcar as medidas para poder alcanzar ese prezo”. Pola contra, “se o goberno non acorda este prezo Alcoa San Cibrao terá que deixar de producir aluminio primario cun impacto de máis de 600 empregos vinculados á planta de aluminio en Cervo”.

A entrevista pode verse en:http://www.crtvg.es/informativos/entrevista-conselleiro-4198447

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar