A Xunta felicita aos participantes de ‘O Camiño dos Valores’ por dar vida ao mellor do espírito xacobeo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, e pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, deu hoxe a benvida aos participantes na terceira edición de O Camiño dos Valores, unha iniciativa posta en marcha pola ONG UP2U Project Depende de Ti e que se serve dos valores solidarios da peregrinación para promover a inclusión daqueles mozos que, por diversas razóns, están en situación de vulnerabilidade

O titular de Cultura e Turismo felicitou aos participantes nesta iniciativa, 300 persoas, das cales 200 mozos ¬–120 procedentes de Canarias e 80 de distintas provincias do Estado– por “potenciar a dimensión social da Ruta Xacobea e a fomentar os valores do legado xacobeo”. Nesta liña, Román Rodríguez agradeceu o traballo realizado polos responsables da asociación, os maxistrados Reyes Martel e José Antonio Vázquez Taín, a presidenta de ONG e o responsable da delegación en Galicia, e explicou que as sendas de peregrinación funcionaron desde a súa orixe “como unha vía de civilización na que se unifican distintas culturas” e que é precisamente esta diversidade a que fai posible que a Ruta Xacobea “sexa moito máis que un camiño”.

“En O Camiño dos Valores o importante non é a chegada a Santiago, senón participar nun proceso vivencial e espiritual no que paso a paso se constrúen novas experiencias, relacións, aprendizaxes, e valores”, sostivo o representante da Xunta antes de lembrar que peregrinar ata Compostela é aprender que “é necesario esforzarse para chegar á meta e que todo esforzo ten a súa recompensa”.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou a importancia destes proxectos por convidar aos mozos en situación de vulnerabilidade a que busquen oportunidades e creen metas propias. Durante uns días na súa estancia en Galicia os participantes desta iniciativa estiveron hospedados no albergue xuvenil de Gandarío.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar