A TVG reestructura a sua programación nas tardes

   Televisión de Galicia modifica  a súa programación de tarde para reforzar a aposta polo entretemento e a actualidade. Tres concursos divulgativos e culturais e dous programas en directo súmanse ao gran reto diario da canle pública galega de estar próxima aos espectadores e falar do que lles preocupa aos galegos. 

Un dos concursos de máis éxito, o ‘Ti Verás’, que presenta Rodrigo Vázquez, xornalista que este ano recolleu o Premio Mestre Mateo como mellor comunicador, levará a súa divertida dinámica de xogo ás 19.40 horas, na antesala do ‘Telexornal Serán’. Neste espazo, no que abonda o bo humor, unha parella debe responder preguntas ata acceder ao desexado premio de 50.000 euros. 

Para o comezo da tarde, Televisión de Galicia situará o concurso áxil e de probas rápidas que caracteriza ao ‘Coma un allo’ (15.50 h), conducido por Bernardo Montaña, co apoio dos especialistas María Canosa e Jorge Mirae o ‘Pola Cara’ (16.40 h), con Juan Fuentes á fronte. Dous espazos que demostran que é posible divertirse e aprender cousas novas.

Actualidade e ‘talk show’ nos espazos directos 

​Desde hoxe, os espazos de actualidade e ‘talk show’ das tardes adiantan a súa emisión. Así, ‘Fun polo Aire’ estará en antena ás 17.10 horas con Susana López á cabeza dun equipo de sete reporteiros que, espallados por todo o país, contaranlle á audiencia, en directo, todo o que aconteza a esa hora en Galicia.

A continuación, Nieves Rodríguez converterá en protagonistas os veciños dunha vila galega ou barrio no ‘Vin polo Vento’ (18.20 h). Entrevistas, xogos, bromas combinadas con música e, mesmo actualidade, como vai acontecer na emisión de hoxe en que establecerá unha conexión en directo cos Informativos da TVG para dar conta da inauguración do I Foro A Toxa-Vínculo Atlántico por parte do Rei de España, Filipe VI.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar