Para que vale un dicionario


            Miña nai contaba con rotundidade que todo o que aprenderá na súa nenez na aldea pontesa de O Freixo –escola incluída-, nos primeiros anos trinta do seculo XX, procedía dun diccionario que había na casa, ao que acudía para saber o que despertaba a súa curiosidade. Noventa anos despois, dúas das súas bisnetas de oito anos veñen de estrear neste comezo de curso cadanseu diccionario de galego e castelán, nos que entraron coa avidez do sedento diante dunha fonte limpa e caudalosa.

            Unha delas, Alicia, asombrouse de que na portada aparecese VOX, preguntándolle á súa nai como era posible esta aparición nun diccionario, tendo esta que explicarlle a orixe latina da verba e que se trataba dunha editorial xa histórica.

            A outra, Noa, en canto comezou a curiosear no interior, exclamou sorprendida: “Andá!, se é igual ca Internet”, abraiada diante da existencia dun marabilloso libro que fose quen de proporcionar a información tan doada coma a da Rede que nos invade.

            De seguido, coma a súa bisavoa, comezaron a buscar palabras que lles chaman a atención, referidas neste caso á escatoloxía: o máis natural desde que o mundo é mundo. E invadiume a convicción de que imos pechando un ciclo, volvendo a valorar a nunca perdida importancia dun diccionario na man, desde aquel único medio formativo de antano, pasando polo acontecido cando estas nenas tiñan arredor de tres anos, que pretendían mover co dedo –a xeito de pantalla- unha foto a cor que aparecía nas páxinas de La Voz de Galicia.

            E o de Vox, xa se sabe, publicita que algo queda; e se escolles por nome un vocablo con historia, mellor ca mellor.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar