Manuel Baltar recibe a alumnado do Instituto arxentino-galego “Santiago Apóstol” de Bos Aires

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial de Ourense, a máis de vinte alumnos e profesoras do Instituto arxentino-galego “Santiago Apóstol” de Bos Aires, que cada ano “reciben como gran premio final do colexio a tódalas promocións, esta viaxe a Galicia que reforza a ourensanía”, dixo o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, que acompañou ao alumnado na visita á Deputación de Ourense.

Na recepción, que tivo lugar no Salón de Plenos, o presidente do goberno provincial deulles á benvida a Ourense, “unha provincia singular e única por ser o territorio de Europa con maior potencial termal”. Unha provincia da que Manuel Baltar destacou a súa “gran capacidade creativa, traballadora e organizativa”, así como a súa vinculación á emigración afirmando que Ourense “ten unha gran conexión con Arxentina, onde entregamos o ano pasado o Premio Ourensanía 2018”. Así mesmo, o presidente do goberno provincial lembrou que precisamente nesa viaxe inaugurou, no colexio arxentino-galego “Santiago Apóstol”, a aula “Eduardo Blanco Amor” para o alumnado do último curso de secundaria.

Nesa ocasión, Manuel Baltar comprometeu o apoio da Deputación de Ourense a este colexio onde se imparten ensinanzas de primaria e secundaria trilingües, en castelán, inglés e galego. Ese compromiso materializouse cunha axuda de 80.000 euros que será destinada a infraestruturas, novas aulas e unha biblioteca galega, na terceira planta do edificio.

Pola súa parte, o alumnado agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense a súa recepción e afirmaron que esta viaxe é “moi importante para nós porque nos permite coñecer a Galicia que estudamos nas aulas”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar