Congreso Internacional de Termalismo en Ourense

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou no acto de clausura do Congreso Internacional de Termalismo, organizado polo proxecto “Raia Termal”, que se desenvolveu durante os días 17 e 18 de setembro no balneario de Lobios. O simposio, celebrado baixo o título “Termalismo 2021-2027. Dinamización dos territorios e reto demográfico”, estivo organizado por este proxecto e coliderado pola Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e os municipios transfronteirizos portugueses de Terras de Bouro e Melgaço.

As conclusións derivadas das distintas intervencións, levadas a cabo durante estas dúas xornadas, destacan o gran potencial do que dispón o territorio onde se ubica o proxecto “Raia Termal”. Ademais, este simposio abre un novo horizonte cara a valorización do termalismo como fonte de riqueza e cara a explotación dos recursos inherentes ao territorio, atendendo ademais, as demandas do usuario e do sector cara a creación de oportunidades de turismo que complementen a oferta termal e que doten a estas zonas dun plus que poida atraer a turistas de calquera idade.

Os relatores de hoxe, o vicepresidente da EHTTA, persoal médico e directores de balnearios, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, xunto cos alcaldes dos municipios raianos, destacaron hoxe a necesaria colaboración entre as Administracións e as empresas xestoras. Ademais corroboraron a necesidade de continuar a avanzar en políticas que fomenten o termalismo no rural como fonte e medio de vida e a necesaria sinerxía entre o turismo terapéutico e de benestar.

A intervención final da xornada a cargo da CHMS a través do director do proxecto, Manuel G. Sarria, concluíu que o inicio foi confuso pero a estreita colaboración e sintonía entre os socios, Deputación de Ourense, as Cámaras Municipais de Melgaço e Terras de Bouro e a CHMS foi a clave para conseguir o obxectivo de mellorar as contornas termais e potenciar o termalismo como oportunidade de futuro socio-económico que contribuirá a dar estabilidade económica e familiar aos novos habitantes que se asenten no rural.

Clausura

Rosendo Fernández destacou no acto de clausura a importancia da temática abordada neste evento internacional convertido “nun espazo de reflexión sobre a procura de fórmulas de cooperación para manter e incrementar a contribución do sector termal ás economías dos pequenos municipios nos que maioritariamente se asentan as instalacións balnearias”. Este congreso permitiu resaltar “o valor social do sector, visibilizar a importancia da actividade económica que xera e demostrar a importancia que ten o termalismo para combater o reto demográfico”, engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense, quen lembrou que se trata dun sector que “permite fixar poboación e emprego nos seus ámbitos territoriais, espazos rurais que, en moitas ocasións, presentan desequilibrios demográficos aos cales a economía termal pode axudar a combater”.

Ademais do vicepresidente da Deputación de Ourense, tamén participaron na clausura o presidente da CHMS, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, así como os alcaldes de Lobios, Bande e Cortegada, e o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, entre outras autoridades.

José Antonio Quiroga dixo, pola súa parte, que os “Fondos Europeos de Cooperación Transfronteiriza son fontes de financiamento necesario para avanzar cara contornas máis atractivas que complementen a gran oferta termal da que xa dispoñemos”. Neste mesmo sentido, a directora da Axencia de Turismo de Galicia sinalou que “aínda quedan cousas por facer, a natureza dotou a nosa rexión dunha base termal moi atractiva e as distintas Administracións debemos estar atentas ás demandas do usuario e tamén do sector. Desde a administración autonómica estamos a elaborar unha base xurídica para as “piscinas termais-pozas”, que darán seguridade xurídica a estas instalacións”.

O simposio reuniu a uns cen representantes de 17 países que analizaron o termalismo desde as perspectivas socioeconómicas, de saúde, turismo e de dinamización do territorio. Os congregados neste evento continuará a súa visita polo territorio Raia Termal ata o vindeiro sábado. Estarán tamén en Termatalia e nas actividades programadas polos socios do proxecto. Esta tarde desprazáronse ao municipio luso de Terras de Bouro, para coñecer in situ a súa riqueza termal, patrimonial e natural e, o vindeiro sábado, desprazaranse a Melgaço onde poderán coñecer a súa oferta de turismo de aventura, complementaria ao seu potencial termal.

Este congreso forma parte das actuacións do proxecto “Raia Termal”, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Este proxecto pretende poñer en valor os recursos naturais termais e vertebrar de xeito conxunto as iniciativas de xestión e comercialización para crear un único destino termal de fronteira e contribuír así ao desenvolvemento do termalismo e favorecer o turismo de calidade na zona transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar