Feijóo convoca aos galegos de Arxentina como embaixadores do Xacobeo 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convocou aos galegos de Arxentina a ser os mellores embaixadores do próximo Xacobeo 2021 para dar a coñecer, dixo, a mellor Galicia da nosa historia. “O Xacobeo 2021 será unha festa sen fronteiras e pídovos que sexades os seus mellores embaixadores como o fostes sempre da vosa terra”, abundou.

Durante unha visita ao Centro Gallego de Comodoro Rivadavia, na tarde do martes (madrugada en España), Feijóo salientou que, no próximo Ano Santo, que se celebrará en 2021, Galicia converterase “nunha terra á que vir e á que volver coa certeza de atopar algo novo, unha versión distinta do que somos”, dixo, referíndose aos pobos e cidades que conforman as distintas rutas do Camiño, á oferta gastronómica e ás paisaxes únicas como as das Illas Atlánticas ou as da Ribeira Sacra.

Co obxectivo de que a Comunidade faga honra á súa tradición como punto de encontro de culturas, o responsable do Executivo autonómico aseverou que xa se está a traballar nesta celebración que implica a todos os galegos.

Feijóo aproveitou o encontro para invitar á colectividade galega da cidade e a todos os arxentinos a visitar Galicia. E agradeceu ao Centro Gallego de Comodoro Rivadavia, que está a punto de ser unha institución centenaria, a súa vocación por ter Galicia sempre presente, a través dun museo dedicado á emigración galega, cunha biblioteca con máis de 3.000 volumes e que leva o nome de Rosalía de Castro, con dous grupos de baile ou celebrando o Día das Letras Galegas.

“Agradecervos este compromiso coa galeguidade”, afirmou, recordando que as irmandades, as casas de Galicia e os centros galegos que se fundaron son exemplo dunha maneira de entender a galeguidade dunha forma aberta e tolerante.

Feijóo concluíu subliñando que todas elas foron fundadas para proxectar Galicia, non para pechala, dixo, incidindo en que a nosa identidade galega non é excluínte e non fai elixir, senón que é dialogante, aberta e tende sempre á suma.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar