O Xulgado condea ao Concello da Coruña a pagar 1,6 millóns pola urbanización do Parrote

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 condenou o Concello da Coruña a pagar á Autoridade Portuaria da Coruña 1.605.244 euros correspondentes á urbanización do Parrote. A maxistrada acolle, desta forma, o recurso interposto polo Porto contra a resolución da Administración municipal de xullo de 2017 na que lle denegaba o pago. A sentenza, contra a que cabe interpoñer recurso de apelación, explica que a entidade portuaria e o Concello acordaron en 2012 modificar e ampliar o modelo de urbanización da superficie do Parrote pactado anteriormente no convenio de execución das obras do vial subterráneo e do aparcamento da zona.

O cambio debeuse a que no primeiro convenio os traballos da superficie que tiña que afrontar Copasa, a concesionaria das obras do túnel e do aparcadoiro, consistían unicamente na reposición dos pavimentos existentes antes de iniciar os traballos. A xuíza recalca que a Administración local, ao modificar o convenio orixinal, se comprometeu “a pagar os gastos dos traballos, dentro do importe que se pactou, 16.500.000 euros, sempre que existise conformidade da Comisión de Seguimento das Obras”.

“O Concello, na segunda cláusula engadida ao convenio, aprobou a redefinición da superficie e a variación das obras que se ían executar para que formasen unha unidade de superficie coa Mariña, Porta Real e o acceso aos peiraos dos transatlánticos, asumindo o gasto que iso conleva. Pola contra, habería un enriquecemento inxusto do Concello, que esixe unha variación no pactado nun primeiro momento, pero non quere asumir o incremento do gasto que iso supón e ao que se comprometeu”, destaca a maxistrada na sentenza.

A titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 tamén salienta que a execución e a medición da obra foi comprobada pola Comisión de Seguimento do Convenio a través dunha inspección realizada por unha asistencia técnica externa. “En canto á afirmación do Concello relativa a que se descoñece se os gastos reclamados pertencen unicamente ao reformado da urbanización da superficie ou pode conter gastos do vial ou do aparcamento, no expediente constan os orzamentos dos tres elementos co proxecto aprobado, o final e a diferenza, e estes orzamentos non foron desvirtuados polo Concello”, sinala a xuíza, quen advirte á Administración local de que “non cabe manter que non existe xustificación das obras executadas pola concesionaria”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar