O Museo da Casa da Troia recibíu esta tempada preto de 2.500 visitantes

O Museo Casa de la Troia vén de pechar as súas portas ao público, como xa é habitual, ata a vindeira Semana Santa. Recrea a pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima do ano 1915.

O pasado venres, 13 de setembro, tiña lugar o derradeiro roteiro troyano desta temporada, dirixido nesta ocasión de maneira particular á Asociación de Veciños do Ensanche compostelán “Raigame”, que preside Xosé Manuel Durán. Os participantes nesta ruta dramatizada partiron, como nos demais roteiros, da praza do Toural, guiados polas explicacións de Suso Martínez, caracterizado como o estudante Casimiro Barcala de “A casa da Troia”. Percorreron diferentes rúas e prazas emblemáticas do centro histórico de Compostela ligadas ao tempo histórico da novela, rematando cunha visita ao propio museo.

O museo recibiu este ano 2.496 visitantes de Europa, América, Asia e Oceanía

No tempo que estivo aberta A Casa da Troia este ano -Semana Santa, Día das Letras Galegas, Día Internacional dos Museos e nos meses de verán-, o museo recibiu 2.496 visitantes, aínda que se agarda a visita dalgún colexio en vindeiras datas. “É unha cifra moi positiva, que se vai incrementando cada ano, e unha moi boa noticia para os que traballamos para que o espírito troiano se manteña vivo” -manifesta Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo-.

Tal como informan dende o museo, segundo a súa procedencia, os galegos seguen a ser os que máis nos visitan, cun 47% do total. Séguenlles os madrileños cun 14% e os andaluces cun 9% do total. Logo están os cataláns e os valencianos. Dos visitantes estranxeiros predominan os procedentes de países europeos, en particular portugueses, franceses e italianos, xuntos aos británicos e os alemáns. Do continente americano, os máis asiduos son os estadounidenses, seguidos dos mexicanos, arxentinos e brasileiros. De Asia hai representantes de Xapón e tamén chegan de Australia e de Nova Zelandia.


A Casa da Troia nas escolas de Santiago de Compostela

O Museo Casa da Troia continúa co proxecto La Casa de la Troya nas escolas de Santiago de Compostela, que arrancaba hai uns meses co fin de achegar ao alumnado de Primaria de Santiago e a súa comarca a historia do museo. Nestes intres, aproveitando o inicio do curso escolar, convídase de novo aos colexios a visitar a vella pensión de estudantes. Trátase dun percorrido guiado, “unha experiencia considerada moi interesantes polos grupos escolares que nos teñen visitado. É como unha viaxe no tempo que nos permite achegarnos á vida universitaria compostelá de finalis do século XIX” -salienta Benigno Amor-.

Algúns fitos desta temporada

Entre as visitas que recibiu a Casa de la Troya ao longo desta temporada, contouse co Arcebispo de Santiago, Julián Barrio, que se achegaba por primeira vez ao museo. Ademais, a agrupación musical da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, “Troyanos de Compostela”, ofreceu diversas actuacións tanto na cidade como en diferentes puntos de Galicia, noutras comunidades autónomas e no veciño Portugal para presentar o seu primeiro disco, Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya.

www.lacasadelatroya.gal

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar