3.581 incendios de máis de 20 hectáreas este verán en Galicia

O ano pasado, de acordo cos datos da Xunta, arderon un total de 2.618 hectáreas, o segundo mellor dato histórico desde que empezaron os rexistros de superficie calcinada en 1976. En oito meses e unha semana de 2019, segundo o EFFIS-Copernicus, o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais da Unión Europea con datos dos satélites.

Segundo eses datos, terían ardido en Galicia 3.581 hectáreas en incendios de máis de 20 hectáreas, que son os que mide o sistema europeo. Isto quere dicir que a cifra de hectáreas totais calcinadas no que levamos de ano sería maior, xa que EFFIS non contabiliza os lumes de menor tamaño.

Só considerando os rexistrados por este sistema, estamos falando dun aumento do 37 % de área queimada respecto ao pasado ano, e aínda quedan máis de tres meses para rematar o ano.

CAMBIO DE TENDENCIA POR PROVINCIAS

Contra as tendencias habituais, este ano a provincia de Pontevedra é a menos afectada polos incendios. Un estudo do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA mostrou que as provincias de Pontevedra e Ourense son as que presentaron maior incidencia de lumes en toda España, entre os anos 1974 e 2010, sumando Galicia case a metade dos incendios en todo o territorio peninsular do Estado e 1,6 millóns de hectáreas arrasadas nese período, o 20 por cento do total calcinado en España e superficie equivalente ao 54,4 por cento do territorio galego. Só en Ourense arderon medio millón de hectáreas durante ese tempo.

O mesmo estudo indica que con 52.173 incendios rexistrados entre 1974 e 2010, Ourense é a provincia en todo o Estado co maior número de casos, seguida por Pontevedra, con 50.010. A terceira é A Coruña, onde se rexistraron 43.976 lumes. Moitos menos se contabilizaron na provincia de Lugo, en concreto, 28.454; con todo, sitúase no quinto posto, por detrás de Asturias, cuarta zona máis afectada por número de casos, con 35.157.

As catro provincias galegas suman 174.613 incendios forestais no tempo analizado, o que equivale ao 45,2 por cento do total de casos rexistrados en todo o Estado.

Porén, este ano semella haber un cambio de tendencia, cando menos se falamos de lumes con superficies queimadas superiores ás 20 hectáreas. Segundo os datos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais, A Coruña está sendo a provincia máis afectada, cun total de 1.418 hectáreas ardidas no que levamos de ano.

O sistema contabiliza en total once rexistros de lumes no territorio coruñés, sendo o segundo que máis volume deste tipo de incendios sufriu, por detrás de Ourense, que suma 14.

EFFIS mostra dous rexistros de incendios o 26 de marzo, cando Dodro e Rianxo se viron acurralados polas chamas. O sistema contabiliza 682 e 421 hectáreas calcinadas ese día, é dicir, un total de 1.103 hectáreas que representan o 77,8 % do ardido na Coruña este ano.

O resto de rexistros de incendios de EFFIS para esta provincia son lumes de entre 21 e 84 hectáreas.

A segunda provincia máis afectada polos lumes, en canto a superficie queimada, é Ourense, con 1.205 hectáreas; porén, é a máis prexudicada en canto a número de incendios por enriba de 20 hectáreas, con 14, dos cales seis foron de máis de 100 hectáreas. O máis grave queimou unha superficie de 259 hectáreas o 27 de febreiro, segundo os datos de EFFIS, tras entrar en territorio ourensán desde Portugal e calcinar os montes de Padrenda.

Lugo é a terceira provincia máis afectada, tanto por número de hectáreas como por rexistros de incendios superiores a 20 hectáreas, pero sufriu o lume máis devastador. En total, dous incendios calcinaron 823 hectáreas: un, o 25 de xullo, queimou 126 hectáreas en Quiroga, e outro o 5 de setembro, calcinou outras 707, segundo EFFIS, converténdose no maior incendio do ano en Galicia.

Por último, Pontevedra, acostumada ás vagas de incendios, está salvándose este ano da queima. No que levamos de ano, segundo datos de EFFIS, esta provincia só presenta un rexistro dun incendio de gran magnitude que queimou 135 hectáreas, rexistrado o 4 de xaneiro, cando se produciu unha vaga de lumes no sur do país en pleno inverno.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar