Os populares de Teo apostan pola unión de forzas políticas

Os populares de Teo seguen a apostar pola unión de forzas e a procura de solucións conxunta ante o problema de Casalonga. Por tal motivo, realizaron unha xuntanza a pasada semana cos representantes da plataforma Casalonga limpa de residuos e outra co Grupo Parlamentario Popular. Neste contexto, a estas dúas xuntanzas sumouse unha reunión efectuada entre a plataforma, o Delegado Territorial da Xunta e o Xefe Territorial da Consellería de Industria.

Logo de que Rafa Sisto e Uxía Lemus tiveran gardado durante oito meses o proxecto nun caixón, os populares consideran que a transparencia e a colaboración coa veciñanza ten que ser máxima. Por tal motivo, logo da xuntanza mantida coa Plataforma a pasada semana, trasladáronlle as súas inquedanzas á viceportavoz do Grupo Popular no parlamento, Paula Prado.

Na reunión mantida en sede parlamentaria, o voceiro dos populares teenses, José Manuel Guerra, acompañado de concelleiros do seu grupo, trasladaron as peticións da Plataforma e analizaron a situación para compartir posibles solucións tanto no ámbito municipal como supramunicipal.

“A UXÍA LEMUS VENLLE GRANDE O CARGO”


Ao fío da cuestión, Guerra segue a apostar pola unión de forzas “frente a aqueles que non moveron un dedo para modificar o PXOM e soamente pensan nos réditos políticos, utilizando a manipulación e incluso o ataque persoal nunha auténtica demostración da maior baixeza política; a Uxía Lemus venlle grande o cargo e demostrouno ás pocas horas de asumilo”.

Os populares “lamentan profundamente” que Sisto e Lemus sigan máis pendentes da seguinte cita electoral e dos réditos políticos que de facer unha xestión seria ao servizo da veciñanza. “Seguen sen mover un dedo no ámbito das súas competencias e o único que fan é baixo esixencia da Xunta”.

REUNIÓN NA XUNTA DE GALICIA


Neste contexto de xuntanzas, O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro e o Xefe Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez, mantiveron tamén recentemente unha reunión cos representantes da plataforma Casalonga Limpa de Residuos.

Nela recolléronse, unha vez máis, as solicitudes da veciñanza coa máxima transparencia e colaboración. Facilitouse, igualmente, a información que se precisaba amosando o compromiso cos teenses así como co cumprimento da Lei e preservación do Medio Ambiente.

Os representantes do goberno autonómico lembraron aos asistentes que a Xunta xa rexeitou a creación dunha vertedoiro na antiga mina.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar