Curtocircuíto acollerá a preestrea de O que arde, de Oliver Laxe

 O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que se celebrará entre os próximos 28 de setembro e 6 de outubro, acollerá na súa décimo sexta edición unha preestrea de O que arde, o último filme de Oliver Laxe, producido pola galega Miramemira, 4 a 4 Productions, Tarantula e Kowalski Films. Esta sesión especial terá lugar o martes 1 de outubro ás 22:30 h no Teatro Principal de Compostela e contará coa presenza do cineasta e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme.

O pasado mes de maio, Oliver Laxe fixo historia ao converterse no primeiro cineasta español xunto a Víctor Erice en ser seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras e o único en ser premiado en todas as súas participacións. No certame, O que arde fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial – Un  Certain Regard de Cannes e o Premio á Mellor Creación Sonora da sección. O filme, que ven de convertirse nun dos catro españois seleccionados nos Premios do Cinema Europeo, terá a súa estrea estatal no festival de San Sebastián no mes de setembro. Ademais nos próximos meses competirá nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos como Toronto ou Nova York antes de chegar ás salas comerciais o próximo 11 de outubro da man de NUMAX Distribución.

Curtocircuíto continuará nesta edición coa súa aposta firme a prol do audiovisual galego. Nas próximas semanas faranse públicos os contidos de seccións xa habituais como Planeta GZ, sección competitiva que reflicte ano a ano riqueza e variedade do cinema galego actual; Terra, adicada a artistas de Galicia cunha obra consistente e personal; Supernova, na que se amosan os primeiros traballos de creadores e creadoras que non teñen fácil acceso aos espazos de difusión; e unha prometedora sesión especial en colaboración co Cineclube de Compostela que a organización ten prevista para esta edición.

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, a AGADIC e o ICAA.
Dixeron de O que arde

«Unha película dunha beleza tan provocadora como hipnótica» (El Mundo)

«O que arde confirma a Oliver Laxe como unha das voces máis atrevidas e insólitas do cinema español» (Fotogramas)

“Dunha potencia visual exuberante” (El País)

“Unha película incandescente e poderosa” (Première)

“Unha obra bela e melancólica, dunha sensibilidade penetrante” (The Hollywood Reporter)

“A nova película de Oliver Laxe caldea a escena cinematográfica internacional. En O que arde, a furia dos incendios galegos contrasta coa sobria crónica rural que Laxe nos presenta. Unha película na que nada parece suceder, pero que nos mantén atentos a cada segundo, como só os grandes cineastas saben facer” (Transfuge)
O QUE ARDE
Oliver Laxe | España-Francia-Luxemburgo | 2019 | 85 min Galego | 5.1 | 1.85 | Color | +7
EQUIPO ARTÍSTICO
Amador Arias, Benedicta Sánchez, Inazio Abrao, Elena Fernández, David de Poso, Álvaro de Bazal

EQUIPO TÉCNICO
Dirección Oliver Laxe
Guion Oliver Laxe / Santiago Fillol
Fotografía Mauro Herce
Montaxe Cristóbal Fernández
Son David Machado, Sergio da Silva, Amanda Villavieja, Xavi Souto
Vestiario Nadia Acimi
Axudante de dirección David Bértolo
Produción Miramemira, 4 a 4 Productions, Tarantula, Kowalski Films
Produtores Andrea Vázquez, Xavi Font, Andrea Queralt, Mani Mortazavi, David Mathieu-Mahias
Coprodutores Koldo Zuazua, Elise André, Donato Rotunno
Co apoio de AGADIC – Xunta de Galicia, CNC – Aide aux cinémas du monde, CNC – Aide à
la création visuelle et sonore, Cineworld by Film Fund Luxembourg, ICAA, Eurimages, TVG,
ETB, Diputación de Lugo
Distribución en España NUMAX Distribución

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar