Nada de nada

A concelleira ía diante co seu cadelo atado cunha trela curta. O cadelo ruaba cos outros cans que saltaban sete saltares polas ourelas daquel magnífico carreiro urbano, por onde ía e volvía tódolos días en horas distintas. Moitos cans andaban libremente, mentres os seus amos e amas falaban, comentaban os andares dos cadelos, anotábanse en listaxes grupais de whatsApps e prometíanse respecto mutuo e, polo tanto, contestar ás chamadas nun tempo prudencial, escribindo sempre algo de interese colectivo e de incumbencia para os cuadrúpedes.

No telefono anotábanse polo nome ou pola cor do cadelo: a do caniche, a do pastor alemán, a parella daquela cadela preciosa, de amarelo ou de ouro; a do palleiro, a do palleirán e o do galego inglés. Mentres os cans brincaban, choutaban e corrían, a xente falaba cos colegas, ría os chistes que contaban e intercambiaban felicitacións polo cumpre anos do animal e, incluso, nalgúns casos, con agasallos.

Paseos peonís nos arredores das cidades, por un lado e polo outro do Sar e do Sarela, en Santiago de Compostela; do Miño ou do Rato, na Lugo das murallas; polos dous lados do Barbaña, do Barbañica e do Miño, en Ourense, e polas beiras do Lérez ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra. Formidables, saudables, fermosos e sombríos todos eles. Son paseos para os cans e para as persoas, sexan da política ou non, do goberno ou da oposición, da mesma familia ou non.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar