A Deputación inicia distinción de “Fillo predilecto da provincia de Ourense” a Alfredo Conde

A Deputación de Ourense inicia o expediente para a concesión da distinción de “Fillo predilecto da provincia de Ourense”, ao escritor Alfredo Conde “pola súa defensa da cultura ourensá ao longo da súa prolífica carreira literaria e como excelente embaixador da intelectualidade da provincia de Ourense”, dixo o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, o pasado 25 de marzo deste ano, cando lle comunicou ao homenaxeado que o proporía para tal distinción.

Alfredo Conde (Allariz, 1945), escritor, historiador e político, foi vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e presidente do PEN Galicia. Ten acadado premios da maior relevancia no ámbito literario como o Nadal, o Nacional de Literatura, o «Julio Camba» e o «Fernández Latorre», de periodismo, o Premio Nacional da Crítica, o «Blanco Amor» de novela, o premio Ateneo de Valladolid, e a medalla Castelao, entre outros recoñecementos. A súa obra -na que destaca Xa vai o griffón no vento, Os outros días, Breixo, e O Beato– ten sido traducida ao inglés, italiano, chino, francés e ruso.

Premio Ourensanía 2019

Outra das distincións concedidas pola Deputación de Ourense que se decidirá proximamente será o Premio Ourensanía 2019, trala celebración da reunión do xurado do galardón o vindeiro luns, 19 de agosto, ás 12.00 horas, na Casa Antón Losada Diéguez, en Boborás. Na xuntanza, o xurado avaliará as diferentes propostas para elixir ao Premio Ourensanía desta edición, tras homenaxear con dito galardón no ano 2018, ao Centro Partido do Carballiño de Bos Aires e ao Centro Ourensano de Montevideo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar