Día da Galicia Mártir:A Deputación de Ourense e a Fundación Alexandre Bóveda conmemoran a data

A Deputación de Ourense e a Fundación Alexandre Bóveda conmemoran o Día da Galicia Mártir, tras aprobar por maioría no pleno do 29 de marzo de 2019, a proposta do Grupo do Partido Popular de Ourense, instar ao Parlamento de Galicia a institucionalizar o 17 de agosto, en memoria e homenaxe das persoas que perderon a súa vida ou foron represariadas e obrigadas moitas delas ao exilio por defenderen as liberdades democráticas e dereitos autonómicos do pobo galego.

No acto institucional, que reuniu a autoridades e representantes de institucións culturais e sociais diante do monumento e casa natal de Alexandre Bóveda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar dixo que a constatación máis evidente para xustificar o Día da Galicia Mártir, celebrado por primeira vez en Ourense, é a de que “a semente non morreu”, dado que unha administración, a provincial, dirixíase a outra, autonómica, a través do poder lexislativo no que reside a representación da cidadanía galega, para tomar o acordo de institucionalizar “unha data xa histórica e con fonda significación no devir político e social de Galicia”.

Baltar explicou que “non se trata de demostrar a ourensanía de Bóveda, declarado pola Deputación “Fillo Predilecto da provincia” no ano 2001, e lembrado con actividades por diferentes colectivos e entidades, e tamén honrado polo concello da súa cidade natal nos sucesivos aniversarios do seu nacemento do que foi motor organizativo do galeguismo nos anos 30”.

Tampouco se trata de xustificar unha celebración que naceu no exilio, concretamente no Centro Ourensano de Bos Aires. O noso obxectivo, despois de tomar en consideración a solicitude da Fundación Alexandre Bóveda, é contribuír a que o Día da Galicia Mártir sexa unha data oficial no calendario das conmemoracións galegas para que a memoria histórica sirva de ensinanza cívica e patriótica ás novas xeracións”, engadiu o presidente do goberno provincial.

Pola súa parte, a filla do homenaxeado e presidenta da Fundación Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda Álvarez, agradeceulle á Deputación de Ourense e nomeadamente ao seu presidente, a iniciativa de levar novamente ao Parlamento de Galicia a institucionalización do Día da Galicia Mártir para que sexa debatida e tomada en consideración polo ben de Galicia coa confianza posta no futuro.

Tralas intervencións, as autoridades presentes acompañaron a Amalia Bóveda Álvarez nunha ofrenda floral. O acompañamento musical durante o acto correu a cargo da Coral de Ruada que interpretaron as pezas musicais Ourense ao lonxe, e os himnos de Ourense e de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar