Homenaxe a Rosalía:Embarcacions tradicionais remontan hoxe o Ulla e o Sar ata Padrón

Case o dobre de embarcacións tradicionais se unirán este sábado á “Inchadiña branca vela”, unha homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. Serán 27 subindo Ulla e Sar este sábado 3, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Dodro e de Valga. 

Unhas 27 embarcacións procedentes da Ría de Vigo (dúas gamelas, unha de Bouzas e outra do Hío), de Pontevedra (unha dorna), un bote de Ribadeo e o resto, dornas da Ría de Arousa, sobre todo da Illa, subirán desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón. 

Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en ‘Cantares’ falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. Velaquí a estrofa: 

¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»

Os horarios desta actividade son: 

16:30 h. Saída das embarcacións tradicionais da praia fluvial de Vilarello (Cordeiro – Valga). Navegación fluvial a vela remontando o Ulla cara ao Sar.

18:00 h (aprox). Arribada ao Espolón e flamexar de velas diante da estatua de Rosalía. 

  • Recepción do Concello no Espolón.
  • Música tradicional.
  • Ofrenda floral diante da estatua.
  • Visita da exposición fotográfica de Eduardo Rivo na Casa do Patín sobre a Inchadiña Branca Vela

Ademais, este ano as embarcacións quedarán expostas na Praza da Leña de Padrón, ao outro lado do río desde o Espolón, durante un día.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar