O edificio de San Caetano estrea nova iluminación no Día de Galicia

O Complexo Administrativo de San Caetano estreou a nova iluminación da fachada do edificio central da Presidencia coa proxección do escudo da Comunidade con motivo da celebración do Día de Galicia.

Remata así a primeira fase desta actuación, consistente na substitución da iluminación do edificio Central de Presidencia, coa singularidade de que os equipos disporán de iluminación RGB que permiten dotar de cor a fachada e de perfiladores para a proxección de imaxes. Todo isto con equipos de tecnoloxía LED, controlados por un sistema de telexestión e con posibilidade de regular o nivel de iluminación.

A segunda fase da instalación, que ten prevista a súa finalización antes de final de ano, suporá a substitución da iluminación das fachadas do resto de edificios, a iluminación do viario e dos xardíns interiores, a iluminación disuasoria e a sinalización do complexo nos accesos.

Aforro enerxético e económico

Desde o punto de vista enerxético, o aforro anual de todo o proxecto de iluminación ascenderá a 46.700 kWh/ano –equivalente ao consumo anual de 16 vivendas-; un aforro económico asociado de 5.900 euros; e a redución de 10,57 kW –un 58%- de potencia instalada, co que se mellora notablemente a calidade da instalación en canto a niveis de iluminación e prestacións. Ademais, a longa vida útil dos equipos LED -máis de 60.000 horas, que equivale a máis de 15 anos de funcionamento-, suporá unha importante redución en costes de mantemento.

Cabe sinalar que con esta actuación reducirase de xeito significativo tanto a contaminación do ceo nocturno como a luz intrusa, conseguindo unha elevada uniformidade nas zonas de circulación de vehículos e persoas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar