A ourensá Verónica Herrán expón a sua expresión artística na Asociación Área Empresarial do Tambre

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) abre a exposición de pintura, escultura e fotografía “Punto de conexión” da artista interdisciplinar Verónica Herrán, coñecida polo seu nome artístico Roni. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 30 de agosto.

Verónica Herrán utiliza diversas técnicas artísticas nas súas obras, como o óleo sobre lenzo, óleo sobre táboa, talla en pedra, talla en madeira, cerámica, baleirado, fotografía dixital, forxa e repuxado. A temática das obras desta mostra, composta por 22 pezas, é variada. O punto de conexión atópase fóra do lenzo ou da propia peza e a artista explica que “ten que ver con aquilo que nos conecta como humanos, o noso mundo interior”. Explora formas de activación de memorias e narrativas internas das que se pode non ser conscientes.

Coas súas creacións, Verónica Herrán pretende proporcionar un espazo no que dedicar un tempo a ser conscientes desas sensacións que se xeran no interior e na súa relación co mundo exterior. Así, por exemplo, en ocasión a súa obra pode ser unha reflexión sobre un estereotipo, noutras sobre ritmos de vida que poden chegar a arrastrar, un recordo de superación e, outras veces, simplemente un diálogo coa natureza que pode ofrecer mesmamente un espello “no que nos miramos, recoñecemos e atopamos”.

Fixación pola forxa tradicional

Verónica Herrán é unha artista interdisciplinar nacida en Ourense en 1982. A súa primeira incursión nas artes plásticas comeza fai case 23 anos, nos que investiga no ámbito da pintura e a fotografía de forma intermitente. Durante eses anos, realiza o seus estudos de licenciatura e mestrados de Psicoloxía pola Universidade de Santiago (USC) e entra en contacto con diferentes culturas europeas a través das oportunidades que lle ofrece o seu traballo como representante de deportistas, experiencias que na actualidade van pouco a pouco reflectíndose no desenvolvemento das súas obras. En 2015, e xa afincada definitivamente en Santiago de Compostela, retoma a súa traxectoria artística, momento no que comeza a participar en diferentes exposicións nacionais e internacionais (New York, Roma e Oporto).

En 2016 inicia os seus estudos de escultura na Escola de Arte Mestre Mateo onde procura profundar en todas as posibilidades que esta disciplina ofrece como medio de expresión. Alí é onde entra en contacto coa forxa artística e decide completar a súa formación coa súa asistencia a encontros internacionais de forxa artística e cursos.

A fascinación que lle xera as posibilidades que as técnicas de forxa tradicional ofrecen na escultura e o seu interese pola colaboración na divulgación e conservación da cultura asociada á forxa, levárona a formar parte como vogal da xunta directiva do Consejo del Hierro, organización dedicada á divulgación, investigación e conservación deste oficio. Desde 2019 é membro tamén da directiva de A colectiva, a Asociación de Artistas Profesionais de Galicia da que é tesoureira. Ademais, é membro da Asociación Galega de Arte e Cultura AGAEC (AGAEC).

A súa obra evoluciona desde os seus comezos nunha liña figurativa realista ata as posibilidades que o estilo expresionista ou a síntese figurativa lle ofrecen para tratar de representar os complexos procesos que compoñen o mundo interno do ser humano, sen chegar a abandonar a súa tendencia realista.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar