O V Campus Multideporte Termas de Cuntis do 29 de xullo ao 10 de agosto

Cuntis acolle a quinta edición do Campus Multideporte Termas de Cuntis, un evento deportivo organizado polo Concello de Cuntis e patrocinado polo balneario Termas de Cuntis que se celebrará do 29 de xullo ao 10 de agosto, en horario de mañá de 9:30 a 13:00 horas. Está prevista a participación de 35 rapaces de entre 5 e 14 anos. A apertura celebrarase o luns 30 no campo de fútbol As Canteiras.

Os máis pequenos poderán aprender novas disciplinas deportivas, centrándose principalmente nos deportes de raqueta, practicar deportes alternativos ou xogos tradicionais, para o que se contará coa presenza de profesionais do atletismo e a ximnasia rítmica.

Ademais, o xoves 1 de agosto, os rapaces visitarán o balneario Termas de Cuntis para pasar a mañá nas piscinas do seu Acquaform, de 10:00 a 12:00 horas. Farase tamén unha ruta de sendeirismo, unha festa da escuma, unha excursión ao Ecoparque de Marín o venres 2 agosto, ou organizarase unha xornada no parque de multiaventuras Galipark de Padrón, onde os rapaces probarán o tobogán acuático, o laser tag ou o rocódromo o venres 9 de agosto, para finalmente acabar xantando todos xuntos nas súas instalacións.

E coma novidade, este ano incorpórase a actividade do Escape Room, un xogo mental e de equipo que consiste en intentar escapar dunha habitación na que entrou o grupo de rapaces e facelo en menos dun tempo definido, normalmente unha hora. Para poder conseguir o reto, os rapaces deberán resolver unha serie de xogos dentro da sala, grazas á observación, enxeño e xogo en equipo por medio dunhas pistas que lles proporcionarán a información necesaria para saír do lugar.

O coordinador do campamento urbano, Diego Vázquez, explica que normalmente a maioría dos rapaces e rapazas que asisten ao campus son de Cuntis e de concellos limítrofes, aínda que pode haber excepción con nenos que están veraneando na zona. A inscrición permanecerá aberta ata o vindeiro sábado, 27 de xullo. Os interesados en asistir ao campus deben chamar ao 606 018 907 para formalizar a súa inscrición.

http://www.termasdecuntis.es/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar