Un Xacobeo interminable

Os pobos conscientes do potencial das actividades culturais e sociais, amplificadas nos medios de comunicación, aproveitan todas as posibilidades de ser coñecidos e visitados, e que coñecemento e visitas se traduzan en beneficio económico.

Ocorre co Resurrection de Viveiro, o festival Fiv de Vilalba ou o Arde Lucus en Lugo, con milleiros de participantes, e rendimento económico calculado de xeito aproximado.

Pero esta realidade cultural, económica e social preséntase do xeito máis claro na afluencia de peregrinos por todos os camiños de Santiago aínda que o máis ostensible, por difusión e tradición, sexa o Camiño francés, no que os concellos galegos polos que pasa atoparon un filón de tal magntude que xa se recoñece que o fenómeno xacobeo é a primeira industria de Galicia, atendendo á súa rendibilidade económica, sen entrar en consideracións relixiosas, culturais ou deportivas.

Tendo no inmediato hourizonte o Xacobeo 2021, non é extraño que o Goberno galego se poña en pé de paz intensa, para fomentar turismo/riqueza-, sabendo que o feito das peregrinacións a Compostela se traduce nunha riada, que parece imparable, de xentes de todo o mundo que camiñan cara a cidade do Apóstolo.

Anda o Presidente da Xunta enfaenado en difundir o programa de investimentos que o seu goberno plantea de cara a este próximo Xacobeo que totaliza algo máis de 247 millons de euros, que seguro xa se sabe cantos millóns van producir porque os economistas saben moito da rendibilidade de cada euro investido en temas coma este de promoción pública.

Agora que a vella estrada volve ser interesante para ir de Lugo a Santiago, pola apertura da autovía desde Arzúa, os viaxeiros poden comprobar que o paso de peregrinos é continuo, e como á beira de estrada florecen novos negocios, hoteis, albergues, bares e restaurantes en calquera punto do Camiño.

E quen vaia, como eu fun onte, a Portomarín, comprobará que o Camiño resucitou un pobo que esmorecía desde que o embalse o condenou a deixar o val pola ladeira, e hoxe goza dun ambiente internacional, de xeito que se xustifican os cuantiosos investimentos privados, e o impacto inversor da Xunta para que o Camiño siga a ser un fenómeno –historia ao fin-interminable.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar