Miguel Sande, gañador da XVII edición do Premio de Poesía Afundación

O xornalista e escritor de Arteixo, Miguel Sande, gaña co poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta a XVII edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 30 obras inéditas. A resolución do xurado, composto polas escritoras María Canosa, Ánxela Gracián e Branca Vilela; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar ás 18.30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.

«A obra está escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura –subliñou o xurado–, pero tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas. A expresión poética está plenamente lograda nun metro de difícil factura pero pleno de sonoridade musical como é a prosa poética». Os membros do xurado destacaron así mesmo como o autor «constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecable, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado».

Pola súa banda, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, tras felicitar ao autor premiado, destacou que «Afundación, a Obra Social de ABANCA, contempla na poesía un mecanismo de capilaridade cultural. E, precisamente, a promoción da cultura como vía para o progreso social é un dos eixes estratéxicos de Afundación.».

Mentres, Anxo Lorenzo felicitou ao gañador e resaltou como «A colaboración e a suma de esforzos entre administracións, institucións e cidadanía resulta imprescindible para o desenvolvemento da cultura e subliñou a relevancia dunha colección como «Arte de Trobar» que recolle o legado dos grandes nomes da nosa historia literaria.».

O PREMIADO


Miguel Sande nace en Pastoriza, no Concello de Arteixo, en 1961. Actualmente reside en Viveiro onde exerce como delegado de La Voz de Galicia na Mariña. Poeta, dramaturgo, novelista e xornalista, co seu primeiro libro, Á alba pide comigo vivir, publicado en 1984, queda finalista do Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca, convocado polo Ministerio de Cultura. En 1998, publica o seu segundo libro de teatro, Ninguén chorou por nós, tamén premiado, nesta ocasión co Rafael Dieste. Pola obra A enterradora gaña o premio Nova Dramaturxia Galega. Como poeta publicou, entre outros, A palabra soterrada (1985) ou Furtivos. A súa novela Se algún día esta muller morta, gana en 2006 o I Premio Narrativa Breve Repsol e en 2016 consegue o Premio García Barros pola novela A candidata. É autor, así mesmo, da novela A vida fóra


O PREMIO

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña ou Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior convocatoria.

O premio, que celebra a súa décimo sexta edición, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras quince anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de cimento para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar