Ourense, protagonista do número 15 da revista Galiciademoda

A gastronomía, o turismo, o termalismo e, por suposto, a moda de Ourense, son os protagonistas do número 15 da publicación Galiciademoda, a única revista galega de moda, tendencias e actualidade, que foi presentada no centro cultural “Marcos Valcárcel”, polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e polas directoras da publicación, Belén Correa e María Canle.

O presidente do goberno provincial salientou que “a moda é un dos sectores estratéxicos da nosa provincia, de gran creatividade e que tanto significa na nosa cultura”. Deste modo, Manuel Baltar lembrou que este ano, a ICC Week que organiza a Deputación de Ourense, tivo como protagonista á moda “como xeradora de riqueza e como identificador cultural”.

Por outra banda, Baltar dixo que “Ourense é todo”, afirmando que a nosa provincia é “a da estación de Manzaneda, única en Galicia; o CERLAC, termalismo deportivo que atrae ás mellores seleccións de remo e piragüismo; a viticultura, contamos con catro das cinco Denominacións de Orixe de Galicia. Ourense é tamén gastronomía, con “Cociña Ourense”, outra iniciativa apoiada pola Deputación de Ourense”.

Pola súa parte, as directoras de Galiciademoda agradeceron á Deputación de Ourense o seu apoio “para eses contidos que se mostran na revista e que demostran que Ourense está de moda, non só polo sector retail, senón tamén por ser capital termal e por ter unha gastronomía única”. Con esta publicación queremos “animar a tódolos nosos lectores a que, a través das nosas páxinas, se animen a descubrir en persoa toda a oferta turística de Ourense”. Neste número de Galiciademoda atoparán “contidos tan valiosos como entrevistas a dúas ourensáns de referencia: Adriana Domínguez e Purificación García, que son iconos internacionais”, salientou María Canle.

Así mesmo, as directoras de Galiciademoda salientaron a importancia que para elas ten este número 15 da revista afirmando que se trata da “súa nena bonita”, e que está centrada en “Ourense o cal é un sono feito realidade, porque sempre admiramos e seguimos de preto o téxtil e toda a industria relacionada co retail que está aquí, en Ourense, que é un referente internacional”. Así que –engadiu Belén Correa- “para nós é unha honra presentar o noso número 15 en terras ourensás, acompañados polo equipo de “Cociña Ourense”.

Este número de Galiciademoda conta con máis de 160 páxinas dedicadas exclusivamente a contidos de primeira actualidade do sector fashion e lifestyle, nunha edición que conta co respaldo da Deputación de Ourense e que tamén contou co apoio do Concello de Ourense. A cidade de Ourense é a principal protagonista deste número que percorre nas súas páxinas os atractivos turísticos ourensáns da man dos principais influencers galegos.

Neste número os lectores tamén atoparán entrevistas a mulleres de éxito do mundo da moda en Ourense como Adriana Domínguez e Purificación García, o evento da ICC Week organizado pola Deputación de Ourense, e poderán coñecer a moitas empresarias da cidade que están relacionadas dalgún modo coa moda, a beleza e o retail. A revista estará á venda desde mañá nos principais Quioscos de Galicia e tamén se poderá adquirir a través da súa venda online.

Durante a presentación da revista estiveron tódolos integrantes do grupo “Cociña Ourense” que realizaron un showcooking en directo, que estivo amenizado polos coñecidos DJ Pepino & Crawford e ademais, tódolos asistentes presenciaron, por primeira vez en Galicia, o desfile da colección “Angels” do prestixioso perruqueiro e estilista, Antonio Calvo, que conta con catro premios Fígaro. Asemade, na presentación estiveron rostros coñecidos da televisión como a modelo e presentadora Paloma Lago, a actriz Isabel Blanco, xunto cos principais fashionistas, bloggers e influencers, amantes da moda de Galicia, así como deseñadores de gran prestixio e representantes das firmas téxtil máis representativas de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar