Morreu o sindicalista galego Etelvino Blanco

Morreu esta quinta feira en Ourense aos 64 anos de idade. Desde as 11:00 horas desta sexta está no tanatorio das Burgas e este sábado sera incinerado, por expreso desexo da familia, na intimidade.

Etelvino Blanco, (Señorín, O Carballiño, 1955) faleceu esta quinta feira en Ourense aos 64 anos de idade. “Fóisenos Etelvino”, comunicou a familia nunha breve mensaxe. Vanse con el catro décadas de compromiso e loita desde Ourense polo sindicalismo galego. E non só, tamén anos de compromiso e loita por demandas sociais e políticas na que Etelvino Blanco se implicou a fondo, tanto nas mobilizacións para que Ourense tivese campus universitario, como na súa candidatura ás pasadas municipais á fronte de Ourense Mellor.

Mais foi o sindicalismo o campo onde este ourensán de  pro máis se implicou. Desde os tempos da Intersindical Nacional Galega (ING) e a Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos até os da CIG. Foi secretario comarcal do sindicato nacionalista desde 1994 até 2017 e foi a voz e rostro das loitas e demandas das e dos traballadores ourensáns.

Pai da deputada socialista Noela Blanco, Etelvino confesaba nunha nunha entrevista recente co gallo dos comicios do pasado 26 de maio que a súa nova loita era para reverter a situación de Ourense como”cidade triste e abandonada” na que a converteran os gobernos de dereitas.

A CIG expresou o seu pesar polo falecemento. «O compañeiro Etelvino foi un loitador incansábel, sempre entregado á defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores de Ourense», manifestou. Tamén desde Ourense Mellor mostraron o seu pesar: «Non perdemos un político, un sindicalista, fóísenos un amigo, un compañeiro, un mestre de vida, un exemplo a seguir».

Está no tanatorio das Burgas e este sábado sera incinerado, por expreso desexo da familia, na intimidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar