Os veciños de Boborás recrean a batalla de 1809

Máis dun cento de veciños de Boborás e outros participantes chegados de diferentes puntos da provincia de Ourense recrearán a vindeira fin de semana un dos acontecementos históricos máis importantes da provincia: a batalla de 1809, que enfrontou aos galegos liderados polo capitán Cachamuíña contra as tropas francesas de Napoleón. Trátase dunha festa histórica na que os veciños de Boborás convidan aos visitantes a unha viaxe no tempo, para coñecer durante dous días en Pazos de Arenteiro os costumes, a gastronomía e o modo de vida daquela época, rematando o domingo 14 de xullo, ás 20.00 horas coa gran batalla final na Ponte.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa cultural “que une historia, ocio e a solidariedade demostrada por un pobo”, dixo Rosendo Fernández, vicepresidente do ente provincial, na presentación que tivo lugar no Pazo Provincial, xunto coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e a tesoureira da asociación “1809 A Batalla”, Lidya Almonte, a quen acompañaron voluntarios ataviados con vestimenta de soldados franceses e de veciños daquela época. “Este evento é máis que unha festa, porque permite coñecer o que significa a implicación total da veciñanza cun acontecemento cultural dun pobo, que se desenvolve nun enclave que é monumento nacional”, expresou Fernández.

Patricia Torres destacou “o grande esforzo dos máis de cen voluntarios que traballan para que todo estea a punto: vestiarios, decorados, armas, así como todos os elementos para que a recreación histórica sexa perfecta, incluíndo tamén disparos con pólvora e canóns e demostración de esgrima antiga”, salientou, engadindo que ademais da batalla en si, o programa de actividades inclúe teatro histórico, espectáculos de maxia, obradoiros de danzas, olería e cestería, catas de viño e aceites, e concertos, repartidas entre o sábado 13 e o domingo 14 de xullo, entre as 11.00 e as 23.00 horas.

A festa “1809 A Batalla” é un evento cultural no que se recreará a batalla librada entre os trescentos galegos liderados polo Capitán Cachamuíña e os mil soldados do exército de Napoleón aos pés da Ponte da Cruz, aos que os galegos derrotaron. “Boborás rememora así a historia da vila e da súa bisbarra”, dixo Lidya Almonte, que destacou que en 2017 se creo a asociación “1809 A Batalla” “para levar a cabo e promover este acontecemento no que se implica todo o pobo”. Os fitos históricos serán representados por voluntarios da mesma aldea, doutras parroquias do municipio e mesmo doutros concellos da provincia, que se unen á celebración e vístense de combatentes dos dous bandos durante eses dous días.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar