Ana Pontón: “O Bloque ten que liderar a Xunta en 2020 para que haxa garantía de cambio real

O BNG congregou na capital de Galicia a máis de 200 responsables municipais aos que a portavoz, Ana Pontón, instou a dar o mellor de si para traballar desde xa “no gran reto” que son as eleccións galegas de 2020.  Convencida de que Feijóo é o pasado, a líder nacionalista proclamou que só o Bloque é garantía dun cambio real nese novo tempo político que levará ao PP á oposición.

“Para abrir este novo ciclo é condición necesaria desaloxar ao PP, pero iso só non chega. Para abrir un novo tempo, o BNG ten que liderar a Xunta porque somos a garantía dun cambio real e transformador, de políticas ao servizo das maiorías sociais, capaces de enfrontar os cambios estruturais que Galiza necesita”, explicou Pontón, tras explicar porqué o Bloque marca a diferencia con respecto a outras propostas políticas.

“Ofrecemos algo único e importante: un proxecto de país, xenuíno e pensado desde Galicia, que aposta por aproveitar o enorme potencial e a capacidade que temos”, recalcou, tras salientar que a solución “non vai vir de fora” da man de forzas co centro de decisión en Madrid “que teñen convertido nun triste espectáculo a política estatal”.

Encontro

“Repítese a mesma historia, fálase de todo menos do problemas de Galicia e das solucións a eses problemas”, afondou Pontón, “porque PP, PSOE e Podemos comparten un deseño centralista que nos prexudica como país, e non imos parar de denuncialo, nin de denunciar á irrelevancia á que nos conducen as forzas estatais dun signo e doutro”.

A celebración deste cumio de política municipal proba até que punto o Bloque considera importante de cara ao reto das eleccións galegas o traballo nos concellos,  tanto desde o goberno como desde a oposición. “Sodes o máis valioso para transformar este país”, recalcou Pontón ante alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras.

“Ninguén discute que o BNG está á alza, que somos unha forza sólida, coherente e cun proxecto claro, e temos que seguir ensanchando esa corrente de simpatía porque será clave para que en 2020 deamos o salto adiante que nos permita poñer punto final ao decenio negro de Feixóo e abrir un novo ciclo en Galiza”, argumentou.

De cara a esa cita coas urnas, a primeira escala é a celebración do Día da Patria, que o Bloque quere aproveitar para visibilizar a súa fortaleza social e organizativa.

Encontro

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar