A Fundación Rosalía de Castro celebra o festival ‘Abride a Fiestra’, que terá lugar os días 13 e 14 de xullo

A Fundación Rosalía de Castro pon en marcha a segunda edición do festival ‘Abride a Fiestra’, que terá lugar os días 13 e 14 de xullo na Casa de Rosalía, e que acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. Entre os protagonistas da fin de semana temos a Cristina Pato, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Secho, Paco Nogueiras e a Coral de Padrón no apartado musical. 

O programa comezará o sábado 13, cun recital poético multilingüe co Colectivo de Poetas en Bruxelas e un grupo representativo da poesía galega actual. Participarán os escritores Taha Adnan, Frank de Crits, Geert van Istendael, Serge Meurant, Silvia Vainberg, Bart Wonck, Ramón Neto, Xavier Queipo, Chus Pato e Yolanda Castaño. Rematará a xornada cun concerto de Cristina Pato acompañada por Roberto Comesaña, o único desta temporada que ofrecerá en Galicia. 

O día grande será o 14 de xullo (a data do pasamento de Rosalía de Castro é o 15 de xullo, mais nesta ocasión adiantouse un día o evento), que celebraremos cunha xornada de portas abertas na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais, unha ludoteca e unha feira con produtos rosalianos, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas. Entre as persoas que nos guiarán polos diferentes cuartos da Casa da Matanza están o escritor Pedro Feijoo, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o ex presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro, o profesor Francisco Rodríguez e o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal. E unha moi especial, protagonizada pola poeta Olga Novo, na que irá recitando poemas propios en cada estancia da casa. 

A mesmísima Rosalía e o seu marido, Manuel Murguía, acudirán á festa e interactuarán cos presentes grazas aos actores afeccionados Ester Formoso e Carlos Ocaña. Outro dos atractivos é a proxección do filme ‘Contou Rosalía’ de Zenit TV, introducida pola súa directora, Zaza Ceballos. E regresan tamén as regueifas, con dous destacados neste xénero improvisatorio: Lupe Blanco e Kike Estévez.

Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dous espectáculos do cantor Paco Nogueiras: “Brinca Vai” e “Radio Bule Bule”; e unha ludoteca -xestionada por Brazolinda– ao dispor das crianzas e das súas familias. Asemade, presentarase o Libro Escolar de Poesía que publicamos anualmente cos gañadores do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro que organizamos con El Corte Inglés. 

Dentro do Auditorio haberá presentacións de libros, como ‘Cartas a Murguía III’, de Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos; un relatorio de Carlos Castelao sobre as fotografías de Rosalía e outro do escritor e académico Xosé Luís Méndez Ferrín sobre“Rosalía, A Matanza e Rodríguez del Padrón”. Alén disto, Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía- presentará o vindeiro proxecto da institución: “Amigos/as da Casa de Rosalía”. 

A música é un dos fortes do festival, con concertos de Davide Salvado, que presentará o seu último espectáculo “Amarelo”; o cantautor local Secho; Ugia Pedreira que presentará unha performance musical sobre Rosalía co acompañamento musical de Cristina Pato; e a Coral de Padrón. Tamén terán lugar senllos miniconcertos ao piano da Familia de Rosalía protagonizados por Secho e Ugia Pedreira e Cristina Pato.

Rosa de Galicia para a familia Villar Granjel

A Fundación Rosalía de Castro concederalle a Rosa de Galicia á familia de Xosé Villar Granjel, persoa clave -canda Xosé Mosquera- na recuperación e compra da Casa da Matanza en 1946 co obxectivo de a converter en Casa-Museo. Trátase dunha insignia de ouro co novo deseño da Fundación que foi realizado por Pepe Barro, que recoñece a persoas ou institucións que se significaran na defensa da figura da escritora ou na promoción do legado rosaliano.

Abride a Fiestra é un festival da cultura galega con Rosalía como figura central, que pretende abranguer todo o que aconteceu arredor de Rosalía e da cultura galega no último ano, facendo especial fincapé na cultura local e nas propostas emerxentes. Está organizado pola Fundación Rosalía de Castro, co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Padrón, canda o patrocinio de Petroni e Paco&Lola. 

Como a orixe e razón de ser deste festival é o aniversario do pasamento de Rosalía o 15 de xullo, nesa xornada -luns- realizaremos unha ofrenda floral no cemiterio de Adina, onde foi soterrada inicialmente. 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar