O que se diga en Europa

A estratexia de Steve Bannon cando creou o Movemento para reunir a todos os grupos da dereita populista europea, con sé en Bruxelas, representando os grupos e lobbies contrarios ás vindicacións feministas, os dereitos de asilo e refuxio, e a loita contra o quecemento global, non acadou o seu obxectivo na eleccións ao Parlamento Europeo. Querían coar un cabalo de Troia no corazón da Unión para dinamitala desde dentro, mais a ofensiva segue aberta. Tres sucesos recentes van na mesma dirección.

No último encontro do G20 confirmouse o corte de mangas de Trump para sumar os EUA á loita contra a crise climática, absurda e incomprensible actitude negacionista que só pode responder a grandes intereses económicos e -por que non- ideolóxicos. Case ao mesmo tempo, as alianzas postelectorais que transixen cos postulados de Vox, os seus representantes en España, fixeron Madrid -antes, Andalucía-, os escenarios onde probar a súa fórmula integrista e reaccionaria en todo o que ten que ver coa violencia machista. Seguindo coa secuencia temporal, en Italia o capo da ultradereita, Salvini, vén de aldraxar o dereito internacional coa súa negativa a acoller o Sea Watch, detendo á súa capitá, Carola Rackete, por querer salvar a corenta e dous náufragos en transo de morte, e acusala de encabezar unha operación criminal.

Velaí o trípode a combater: feminismo, ecoloxía, refuxio. O mellor da nosa civilización foi o que se avanzou en dereitos humanos, respecto ás persoas, demandas para salvar a natureza, avance da loita contra a desigualdade e a discriminación sexual… Precisamente, o que nos identifica como esencia dunha Europa que ás veces semella caduca pero que segue en permanente construción. Máis ca nunca precisamos da súa rexeneración e o momento é idóneo. O liderado de Alemaña e Francia, ancorado na beira dereita do taboleiro, está esgotado e semella chegado o tempo de que outras opcións máis afíns á socialdemocracia como España ou Portugal tomen o relevo. Estamos nos días cruciais para ver como se resolve o reparto de responsabilidades nos órganos políticos e de xestión da Unión Europea, con decisións relevantes como a dirección do Banco Central ou o cambio nos comisariados, onde podería haber lugar destacado para nomes de mulleres con perfil feminista.

A opción de Borrell de seguir á fronte do Ministerio de Asuntos Exteriores non é unha decisión menor, pois desde esa tribuna ten acceso diferente á interlocución con todos os actores principais da política internacional.

Unha vez se disipe a posibilidade dunhas novas eleccións en España, será o momento de definir estratexias tendentes a frear o pelotón de reminiscencias fascistas que quere tomar as rendas das sociedades máis desenvolvidas do mundo. Convén que vaiamos tomando conciencia de que é o que nos estamos a xogar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar