Curso contra o tabaco no Tambre

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) está a organizar un curso para deixar de fumar, en colaboración coa Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). A formación, que comezou a impartirse o pasado 12 de xuño, celebrarase todos os mércores ata o 10 de xullo no Centro Empresarial do Tambre, en horario de 19:00 a 20:00 horas.

Con motivo de promover hábitos de vida saudables entre a poboación e fomentar a prevención do cancro, a actividade está dirixida a persoas maiores de 18 anos que queiran abandonar o hábito de fumar. Durante cinco sesións, a psicóloga Miriam Rojasaxudará aos participantes no proceso de abandono do tabaco, favorecendo a abstinencia e diminuíndo a probabilidade de recaídas.

Segundo o programa do curso, estruturado en cinco sesións, traballarase a cooximetríasemanal, unha proba sinxela que permite medir a cantidade de monóxido de carbono no aire exhalado por un individuo, ademais de ofrecer orientación para o manexo de síntomas como a ansiedade, insomnio o estado de ánimo. Miriam Rojas explica que o tratamento para deixar de fumar estrutúrase en tres fases: Preparación, abandono do hábito e mantemento para evitar as recaídas. 

Na fase de preparación, a psicóloga sinala que se seguen unhas estratexias de motivación e de conexión ou terapia grupal, analízase a conducta de fumar, rexístrase o consumo de cigarros e procúrase unha diminución gradual da nicotina e o alcatrán.

Xa no proceso de abandono, a experta apunta que as persoas sométense a un adestramento para manexar o estrés e controlar os estímulos. E finalmente na fase de mantemento, a psicóloga transmite aos participantes a necesidade de tratar de manexar as emocións e evitar as recaídas. “Na terapia de grupo coñecemos o hábito de consumo de cada participante, acláranse os mitos asociados ao tabaquismo e as alternativas ao seu consumo, ademais de desenvolver técnicas de autocontrol ou abstinencia” –sinala a psicóloga–. 

O curso organízase no marco do protocolo de colaboración asinado no mes de marzo por ambas entidades, e destinado ao desenvolvemento de actividades de prevención do cancro e de fomento do voluntariado entre as empresas do ámbito da área empresarial.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar